2 de noviembre de 2021
A alcaldesa Inés Rey destaca que os obxectivos do seu goberno son identificar á actriz coa súa cidade natal, amosar o seu espírito independente e reforzar os lazos culturais con Francia
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou este martes a programación do Ano Internacional María Casares, que se celebrará o vindeiro 2022 con numerosos actos para lembrar a figura desta actriz e personaxe público tan vinculado á cidade. A alcaldesa estivo acompañada do coordinador do programa, Xosé Aldea, consultor e xestor cultural especialista na xestión de grandes eventos e infraestruturas culturais.
Esta iniciativa xorde coa intención de identificar a María Casares coa súa Coruña natal, mais tamén co obxectivo de recuperar a memoria do exilio coruñés, situar A Coruña en Francia a través da súa figura, visibilizala como a muller independente que foi e amosar a cultura como un ben común. María Casares, nada na cidade en 1922, marchou da Coruña a Madrid con só oito anos, para despois exiliarse en Francia, onde chega a ser a gran dama do teatro francés do século XX. Foi unha referencia das vangardas artísticas e un exemplo de compromiso ético, político e social.
"A decisión de celebrar este ano internacional responde a dous eixes centrais da nosa acción política: a aposta pola cultura como elemento xerador de riqueza e oportunidades e a loita pola igualdade mediante a reivindicación das grandes mulleres que contribuíron a facer da Coruña o que hoxe é unha cidade moderna, aberta e cosmopolita", sinalou a alcaldesa.
A súa orixe coruñesa acompañaríaa en París, Avignon e Alloue. Ela mesma dixo nunha ocasión: "Lembro con moito máis amargor a marcha da Coruña a Madrid que a de Madrid a París". O Concello da Coruña impulsará no 2022, centenario do nacemento de María Casares, unha gran cantidade de actividades, tanto de creación propia como colaboracións vencelladas con Francia.
A alcadesa destacou que "as actividades programadas permitirannos incrementar o coñecemento sobre María Casares dentro e fóra da nosa cidade, honrar á contribución ao mundo teatro desta grande actriz, fomentar os lazos e proxectos culturais con Francia e incrementar o coñecemento da nosa cidade no país galo".
Entre os actos que se celebrarán destacan a creación dunha biografía en banda deseñada, unha exposición no Quiosco Alfonso, unha ruta urbana, visitas teatralizadas no Teatro Colón, un documental ou un encontro internacional. Tal e como apuntaron Inés Rey e Xosé Aldea, aínda quedan moitos actos por anunciar en próximas datas. "Estou segura de que todas as actividades que desenvolveremos permitirannos incrementar o coñecemento sobre María Casares dentro e fóra da nosa cidade, honrar á contribución ao mundo do teatro desta gran actriz, fomentar os lazos e proxectos culturais con Francia e incrementar o coñecemento da nosa cidade no país galo", dixo Inés Rey durante a presentación.
A comisaria deste Ano Internacional María Casares será María Lopo, doutora en Literatura Francesa pola Universidade de Rennes, ensaísta e tradutora e especialista na figura de María Casares. O cartel, presentado tamén hoxe, é obra do ilustrador polaco Wozniak, realizado en 2014 para o blog de Ramón Chao.
25 de abril de 2024
24 de abril de 2024
24 de abril de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible