20 de febrero de 2026
Hoxe publicouse a relación de subvencións concedidas, que permitirá cofinanciar melloras en edificios de vivendas do Barrio das Flores, Labañou, Cidade Vella, Pescaría e O Ventorrillo
O Concello contribuirá a renovar o parque residencial da cidade con subvencións por un valor total de 3,5 millóns de euros, importe correspondente á última convocatoria de axudas á rehabilitación nos Entornos Residenciais de Rehabilitación Programada (ERRP), e que terá un impacto directo en bloques de vivendas no Barrio das Flores, Labañou, Cidade Vella-Pescaría e o Ventorrillo.
Esta liña de axudas, financiada con fondos europeos Next Generation, permitirá dar resposta a necesidades diversas das comunidades veciñais en materia de eficiencia enerxética, apostando, por exemplo, pola renovación de materiais e dos illamentos, tanto en cubertas como fachadas.
"Son actuacións que lles permitirán ás veciñas e veciños gañar en calidade de vida e confort no seu día a día", expuxo a alcaldesa, Inés Rey, que apuntou á importancia de que todas as administracións públicas manteñan e reforcen esta liña de acción en materia de vivenda.
Neste sentido, as axudas destinadas aos ERRP permiten sufragar intervencións moi necesarias orientadas á sustentabilidade e ao aforro enerxético en bloques de vivendas que, nalgúns casos, se construíron hai máis de medio século. Por exemplo, as do grupo María Pita-Labañou, que comezaron a edificarse entre os anos 50 e 60.
En relación á convocatoria de axudas máis recente, a do ano 2025, o Concello outorgou un total de 3,5 millóns en subvencións, destinados a bloques residenciais situados nas rúas Xeranios e Xirasoles (Barrio das Flores), María Luz Morales (Labañou), Antonio Pedreira Ríos (O Ventorrillo), Sinagoga (Cidade Vella) e Juana de Vega (Pescaría).
Son, en total, sete edificios de 240 vivendas.
A relación de inmobles receptores das axudas xa se pode consultar tanto na web do Concello como no Boletín Oficial da Provincia (BOP), nesta ligazón.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible