15 de julio de 2026
O Consistorio retoma o proceso de licitación da Planta de Tratamento de Residuos de Nostián para mellorar a eficiencia do servizo
O Goberno Local aprobou hoxe en Xunta de Goberno Local a saída a licitación do Servizo de Axuda a Domicilio (SAD) para os próximos tres anos e con posibilidade de prórroga para outros dous. O orzamento base de licitación ascende a 25.492.497,92 € totais para a contratación dun total de seis lotes, correspondentes á división por zonas da prestación do servizo na cidade (norte, centro, sur, leste e oeste) máis o lote para o control de calidade.
"O SAD é un servizo público fundamental de carácter social dirixido a ofrecer apoios de carácter persoal, doméstico, psicosocial e socioeducativo ás persoas ou unidades de convivencia no seu propio domicilio que, por limitacións na súa autonomía persoal, dependencia ou circunstancias sociais, familiares ou de saúde, precisen apoio para desenvolver as actividades básicas da vida diaria. Con esta nova licitación, o Concello pretende garantir a calidade, continuidade e blindaxe dunha prestación esencial que é céntrica nas obrigas de toda institución pública e de todo Goberno con orientación e sensibilidade sociais", subliñou a alcaldesa, Inés Rey, que hoxe deu conta dos temas aprobados na Xunta de Goberno.
Este servizo ofrecido pola Administración local configúrase como un recurso de proximidade, preventivo e asistencial, orientado a favorecer a permanencia das persoas na súa contorna habitual, promover a súa autonomía persoal e mellorar a súa calidade de vida, mediante intervencións individualizadas determinadas a partir da correspondente valoración técnica e reflectidas no plan de atención individual. Na actualidade, presta asistencia personalizada e intensiva a máis de 1.100 persoas usuarias. A licitación deste contrato garantirá o servizo ata, polo menos, 2028 -máis a posibilidade de prórroga que podería estenderse a 2029 e 2030-.
Contrato de Nostián
O Concello tamén acordou retomar o proceso de licitación da Planta de Tratamento de Residuos de Nostián incorporando pequenas actualizacións e reformulando o tratamento económico do bioestabilizado e a súa incidencia no estudo de viabilidade, computando a estimación de que o 60% do total poderá ser tratado como rexeitamento e aboado á empresa xestora como tal.
O contrato combina a remodelación integral da planta e a explotación completa da instalación, dos puntos limpos e do vertedoiro clausurado. A finalidade é garantir unha xestión moderna, eficiente e ambientalmente responsable dos residuos municipais. A empresa adxudicataria asumirá os gastos de todas as actuacións que se consideran necesarias para o mellor funcionamento do complexo.
"Con esta actualización buscamos darlles seguridade xurídica ás empresas interesadas no proceso e, ao mesmo tempo, garantir unha xestión da planta marcada pola transparencia e a orientación sostible e esixente que debe ser indiscutible nunha instalación estratéxica que lles dá servizo a centos de miles de persoas na Coruña e na súa contorna", explicou Inés Rey.
Ademais, o Concello levará a cabo un labor de seguimento do cumprimento destas obrigas. Así, nos anos 10 e 19 de contrato, a empresa deberá xustificar melloras por valor de 2,5 e 5 millóns de euros, respectivamente. A remodelación e modernización da planta tamén deberá contar cunha nova liña de tratamento, novas naves de compostaxe, ampliación da biometanización, melloras no tratamento de aire e lixiviados e actuacións en dixestores, EDAR e planta de gas.
O contrato inclúe a xestións dos puntos limpos da cidade -actualmente son catro os puntos limpos fixos: dous específicos para o sector industrial, a carón dos polígonos de Pocomaco e Agrela; e os restantes, de achega voluntaria, nos Rosales e en Eirís-. A empresa beneficiaria deberá, polo tanto, levar a cabo melloras adicionais tamén nestas instalacións, tanto no referido aos peches perimetrais como á seguridade dos recintos.
Servizo 010 de atención e información telefónica á cidadanía
A alcaldesa explicou que na Xunta de Goberno Local tamén se aprobou a adxudicación do Servizo de atención e información telefónica á cidadanía - Teléfono 010 á empresa Contactnova SLU, cun investimento total de 3.027.162,32 €, cunha duración de contrato de tres anos con posibilidade de prórroga por outros dous. No orzamento, consta un gasto aproximado de 225.828,17 € para o restante do exercicio de 2026, de 1.005.643,11 € para o 2027, de 1.005.643,11 € para o 2028 e de 769.581,88 € para o 2029.
A novidade desta renovación do servizo é que, por primeira vez, se reestruturaron os horarios de atención para que a liña estea aberta os sete días da semana. É dicir, tamén os sábados pola tarde e os domingos (exceptuando o 25 de decembro e o 1 e 6 de xaneiro) se poderán facer consultas. De luns a venres o horario de atención será das 8.00 ás 20.00 h, 12 horas de apertura ininterrompida. Os sábados será das 9.00 ás 20.00 horas e os domingos das 10.00 ás 20.00. Os días 24 e 31 de decembro o horario será das 9.00 ás 14.00 horas.
"O 010 é un fío fundamental entre a Administración e a cidadanía. As persoas profesionais deste servizo recollen máis de 500.000 consultas telefónicas ao ano sobre todo tipo de cuestións que teñen que ver coa xestión pública, cos trámites burocráticos ou con dúbidas xerais acerca do estado e funcionamento da cidade e do seu Goberno. Por iso cremos que é moi importante manter vivo e áxil este medio para a interlocución directa cos coruñeses e coas coruñesas", indicou a alcaldesa.
Nos últimos anos, o 010 consolidouse como unha das principais vías de comunicación entre o Concello e a poboación da cidade. As liñas directas de información realizan unha ampla gama de tarefas de axuda tanto en directo como en diferido, e establecen unha canle rápida e segura para obter a información contrastada do Concello, os seus servizos e as súas institucións.
Actividades deportivas municipais
Hoxe tamén se adxudicou do servizo de actividades deportivas municipais á empresa Salzillo Servicios Integrales S.L. cun orzamento inicial de 3.467.806,37 € para dous anos e con posibilidade doutros dous de prórroga. O gasto estimado anual será de 351.972,10 € (exercicio 2026), 1.742.526,75 € (exercicio 2027) e 1.373.307,52 € (exercicio 2028).
Trátase dun servizo de gran relevancia para a cidadanía, que lles permite a máis de 4.000 persoas acceder á práctica deportiva de forma regular. Máis aló do exercicio físico, estas actividades fomentan a socialización, combaten a soidade non desexada e contribúen de maneira decisiva ao benestar e á calidade de vida das persoas participantes.
Así mesmo, este novo contrato incorpora melloras sociais para o colectivo de profesionais que prestan o servizo, recoñece a importancia do seu labor e avanza nunhas condicións laborais máis xustas e estables. Ademais, a empresa adxudicataria comprometeuse a destinar un importe adicional de 15.000 € fronte ao mínimo esixido para dotar de material deportivo e didáctico.
"O deporte é unha parte fundamental da vida social e da identidade da Coruña. É algo que fai identidade e que mantén activas e sas a persoas de todas as idades. Por iso, o Concello pon todos os recursos ao seu alcance para garantir a calidade, a variedade e a accesibilidade deste servizo tan importante", dixo Inés Rey.
Postos nos mercados de San Agustín e Monte Alto
A Xunta de Goberno Local tamén resolveu a cesión dos dereitos de explotación de varios postos de mercados municipais. En San Agustín, adxudicouse a concesión de dous lotes, aboando a empresa licitadora un canon de 900 € por cada un, mentres que outra solicitante recibiu a concesión dun lote no mercado de Monte Alto, cun canon inicial de 1.700 €.
"Avanzamos na senda de actualizar a ampla e variada oferta dos postos dos nosos mercados municipais, algo que é complementario do ambicioso plan de mellora xeral das instalacións que este Concello puxo en marcha en toda a cidade, con investimentos de gran calado como os 10 millóns na remodelación integral do complexo do Mercado de Monte Alto, que incorporou novos postos e servizos para o desfrute de toda a cidadanía", apuntou Inés Rey.
Torre de Marathón
O Concello tamén deu licenza ao Real Club Deportivo para realizar as obras de rehabilitación da Torre Marathón e a súa conexión co Estadio municipal de Riazor. O orzamento de execución das obras ascende a 200.658,25 €, cun prazo para iniciar as obras de 6 meses e un prazo de execución de 12 meses computados a partir da notificación da licenza.
"O Concello vai colaborar co Dépor en todo aquilo que sexa bo para o club e, sobre todo, para a cidade. Desde o principio estivemos implicándonos na tarefa de conseguir que as instalacións do equipo dean un salto de calidade e respondan ás necesidades actuais, que son este ano aínda máis esixentes. A mostra máis clara disto foi o acordo ao que chegamos para impulsar conxuntamente a modernización de toda a cidade deportiva de Riazor, incluíndo o estadio, o Palacio dos Deportes e o conxunto da contorna deportiva. Todo o que sexa positivo para a afición e o para equipo da cidade, benvido sexa", valorou Inés Rey.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible