19 de junio de 2026
O concelleiro de Educación, Innovación Tecnolóxica e Formación, Juan Ignacio Borrego, presidiu o Consello Escolar Municipal para dar conta das obras feitas
O Concello celebrou a sesión ordinaria do Consello Escolar Municipal da Coruña (CEMAC), presidido polo concelleiro de Educación, Innovación Tecnolóxica e Formación, Juan Ignacio Borrego, e con presenza das ANPAs e do profesorado das escolas.
O obxecto da reunión foi dar conta das accións levadas a cabo polo Goberno municipal tanto no ámbito do mantemento das instalacións educativas como da prestación dos servizos de conserxería nos colexios, así como trasladar o balance das actividades educativas municipais para o curso 2025-2026 e dar conta da aprobación do regulamento do Consello Local da Infancia e Adolescencia da Coruña (CLIAC).
"Para o Goberno de Inés Rey é fundamental a interlocución directa coas nais e os pais do alumnado e co profesorado dos centros. Queremos ofrecer os mellores servizos e estar presentes onde sexan necesarios os recursos municipais, e para iso temos que escoitar aos que viven a realidade de cada un dos colexios e institutos. Estamos a reforzar os investimentos e os programas educativos con ambición e con responsabilidade", subliñou Juan Ignacio Borrego.
Tal e como trasladaron os representantes do Concello, entre o 1 de xaneiro e o 15 de xuño do 2026 atendéronse 1.092 incidencias de mantemento nos diferentes centros da cidade, cun investimento de 1.443.848 euros. Ademais, tamén se deu conta da listaxe de centros educativos onde hai previstas accións durante o verán.
Algúns dos principais investimentos son a recentemente comezada substitución da cuberta de EIM Castrillón, con 218.146 euros, a renaturalización do patio do CEIP María Barbeito, con 149.249 euros, a reparación das filtracións nas cubertas do EIM Novo Mesoiro e o CEE Nosa Señora do Rosario, con 47.613 e 44.223 euros respectivamente ou a impermeabilización da terraza do CEIP Raquel Camacho, con 42.965 euros.
En canto aos programas educativos municipais, se presentou o balance de participación do curso 2025/2026. Un total de 32.145 alumnos participaron nalgún dos talleres e actividades promovidos polo Concello e a Federación de ANPAs. Algunhas das actividades con máis asistencia foron as de A Coruña de Aventura (con máis de 14.421 alumnos nas visitas escolares incluídas no programa), as de Deporte no Centro (uns 1.245 nenos e nenas), as de A Coruña das Ciencias (destacándose a XIX Feira Matemática, con 1.200 participantes) e encontros lúdicos como o Contacontos Gallina Gallineta, cun total de 1.650 asistentes. Tamén se falou das posibles incorporacións e novidades para a programación do próximo curso, nas que o Concello xa está a traballar.
No tocante ao servizo de conserxería nos CEIP da cidade, o Concello informou dos reforzos de persoal previstos para poder dar resposta inmediata a posibles carencias que poidan xurdir, como baixas ou permisos. A previsión é dispoñer de casi unha corentena activos para o próximo curso.

12 de junio de 2026

6 de junio de 2026

5 de junio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible