16 de junio de 2026
A concelleira Noemí Díaz subliñou a importancia desta medida, consensuada coa asociación veciñal, para garantir un menor tránsito de vehículos e calmar o tráfico na parte baixa do barrio
Nos vindeiros días, o Concello porá en marcha as tarefas necesarias para cambiar o sentido da circulación pola rúa Río, no núcleo poboacional de San Pedro de Visma. A medida, exposta previamente á asociación veciñal da zona, permitirá mellorar a mobilidade e reforzar a seguridade viaria no conxunto do barrio.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, fixo fincapé na importancia de acometer esta medida para garantir un menor tránsito de vehículos e calmar o tráfico ao longo dun percorrido estreito e moi próximo ás casas e bloques de vivendas, e onde a sinalización vertical xa limita a velocidade de circulación ao mínimo, con treitos de 10 a 30 quilómetros por hora.
Con todo, e tal como explicou a edila, o núcleo tradicional de San Pedro de Visma viuse fragmentado coa creación da Terceira Rolda. A configuración actual da rúa Río -que conecta Visma de Arriba coa rolda de Outeiro, á altura do aparcadoiro de Mariñeiros- incentiva, en certa forma, o paso de vehículos que baixan desde San Pedro de Visma e Os Rosales usando este atallo para accederen directamente á rolda, o que conxestiona a parte baixa do barrio e incrementa o tránsito.
"A instancias das demandas veciñais, vimos estudando os fluxos de circulación na zona para avaliar posibles melloras que permitan gañar máis seguridade peonil", expresou Díaz, que informou de que ao longo desta semana se cambiará de sentido a rúa Río -en sentido de subida, con acceso desde a rolda de Outeiro ata o cruzamento coa rúa Barral-, o que permitirá absorber o tráfico específico das persoas residentes nas rúas Río, Cuesta e Seavella, e segregar o tránsito que anteriormente viña en baixada a través do ramal de Barral, con saída ao Pavo Real.
O plan de traballos que executará o Concello inclúe o pintado da nova sinalización horizontal sobre a calzada, a instalación dos novos sinais verticais conforme ao cambio de sentido e, sobre a plataforma única da rúa Río, a delimitación de percorridos peonís separados da calzada por balizas.
Noemí Díaz informou de que, con estes cambios sobre a rúa Río, a veciñanza dos Rosales que usaba este percorrido poderá acceder á rolda de Outeiro a través de Manuel Azaña e, xa a medio prazo, a través da rotonda que se construirá na rolda Real Club Deportivo.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible