18 de maio de 2026
Os itinerarios forman parte do programa Éfeso, que conta coa cofinanciación do Fondo Social Europeo Plus
O Concello ten aberto o proceso de inscrición dos próximos itinerarios formativos gratuítos dirixidos a persoas desempregadas, no marco do proxecto Éfeso Coruña, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+), e que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas participantes a través da formación práctica e certificada en sectores con alta demanda.
Os itinerarios anunciados inclúen:
Actividades auxiliares de almacén (Certificado Profesional Nivel 1). Do 16 de xuño ao 4 de setembro. Duración total: 289 horas.
Actividades auxiliares de comercio (Certificado Profesional Nivel 1). Do 9 de xuño ao 16 de setembro. Duración total: 349 horas.
Carnicería e charcutería. Do 22 de maio ao 5 de agosto. Duración total: 264 horas.
Técnicas de limpeza e desinfección hospitalaria. Do 10 de xuño ao 29 de xullo. Duración total: 174 horas.
"Desde o Goberno de Inés Rey cremos firmemente na integración no mercado laboral de todos os sectores da poboación, sen importar a idade ou a condición socioeconómica. Proxectos como Éfeso fan posible para centos de persoas reorientar as súas carreiras e mellorar as súas condicións de vida", apuntou o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, quen lembrou que estes cursos suman máis de 800 horas de formación totalmemte gratuíta para facilitar a inserción laboral.
As persoas interesadas en participar -o prazo xa está habilitado- deberán solicitar información a través do enderezo de correo efesocoruna@coruna.gal ou do teléfono do Servizo Municipal de Emprego, 981 18 43 99.
O programa Éfeso, que deu continuidade á iniciativa municipal Coruña Suma -que acadou a inserción laboral de 1.130 persoas-, ten un orzamento total de máis de 3 millóns de euros, cunha achega municipal que supera o millón de euros e un cofinanciamento do Fondo Social Europeo Plus do 60% do custo total do proxecto. Éfeso ofrece formación con certificado profesional e prácticas en empresas da Coruña, en sectores profesionais como: atención sociosanitaria en institucións sociais, auxiliar de almacén, auxiliar de comercio, administración e xestión, hostalería e turismo, carnicería, peixaría e servizos auxiliares de salón de peiteado, entre outros.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible