21 de junio de 2025
A reserva de prazas para as nove actividades destes meses abrirase o vindeiro mércores 25 de xuño
O Concello da Coruña organiza, como cada verán, actividades para a cativada no Museo Arqueolóxico, con obxectivo de que as familias poidan conciliar nestes meses de verán e os nenos e nenas aprender máis sobre o patrimonio histórico da cidade. "Desde o Goberno de Inés Rey continuamos dinamizando os nosos espazos culturais de referencia con eventos durante os meses de verán que permitirán aos máis novos ter un maior coñecemento de todo o seu traballo", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Ditas actividades serán desenvolvidas os sábados dos meses de xullo e agosto no Museo de San Antón e no Castro de Elviña, coa intención de difundir a arqueoloxía e a historia dunha maneira práctica e lúdica. Cada taller terá un aforo de 20 nenas ou nenos, e faranse tamén dous obradoiros familiares. O taller familiar do museo terá un aforo de 15 nenos ou nenas e os correspondentes adultos.
As actividades comezarán ás 12.00 horas cada unha das xornadas e terán unha duración de hora e media. O prazo de inscrición abrirase o vindeiro mércores 25 de xuño ás 10.00 horas e cada actividade disporá da súa correspondente ligazón para efectuar a reserva. No se poderá solicitar máis de dúas actividades por neno ou nena das nove ofertadas. Recoméndase acudir con roupa e calzado cómodo, gorra, botella de auga e protección solar, xa que as actividades son ao aire libre se as condicións meteorolóxicas o permiten.
Actividades do Museo Arqueolóxico
Sábado 5 de xullo: ECOPRINT
Viaxamos ao pasado para descubrir os tecidos da Prehistoria e a súa evolución ata época Romana. Que materias primas e que ferramentas empregaban? Como producían as tinguiduras?. Estas e máis preguntan serán resoltas no transcurso da actividade. Para finalizar experimentaremos coa técnica do ecoprint transferindo as cores das flores aos tecidos para fabricar o noso propio pano.
Sábado 12 de xullo: A ARTE DO REPUXADO
Achegarémonos aos tesouros agochados no interior das vitrina do Museo para descubrir unha técnica milenaria, o repuxado. Coñeceremos os obxectos que foron producidos no pasado utilizando esta técnica e falaremos das súas características. Materiais, ferramentas e moita imaxinación para poder facer tamén a nosa propia creación artística que poderemos levar a casa.
Sábado 26 de xullo: QUEBRACABEZAS NO CASTELO
Actividade dinámica para descubrir as pezas e os lugares máis curiosos que alberga o Castelo de San Antón. A través de xogos clásicos grupais conseguiremos atopar os tesouros do pasado e descubrir a súa historia. Quen os fixo? Para que se utilizaban? De que material son? Estas e máis preguntan serán resoltas ao longo dun divertido roteiro polo museo.
Sábado 2 de agosto: COPISTAS MEDIEVAIS
Neste taller descubrirán os segredos da escritura e como evolucionou ao largo da historia, desde as primeiras representacións artísticas do Paleolítico, ata a formación dos scriptoriums na Idade Media. Converterémonos en escribas medievais usando os útiles do pasado para practicar caligrafía medieval e iluminando unha letra.
Sábado 9 de agosto: XOGANDO Á ROMANA
Proposta dinámica para coñecer en primeira persoa os xogos máis comúns da antiga Roma. Poñerémonos no papel das nenas e nenos do pasado para descubrir que algúns xogos actuais que xa existían entón, e probaremos a nosa destreza e sorte para tratar de superar algúns deles. Por último, traballaremos na creación dun tres en raia que levaremos a casa.
Sábado 23 de agosto: PENSAR COAS MANS
A cerámica é sen ningún tipo de dúbida un dos grandes avances da Prehistoria. Achegarémonos as súas orixes para descubrir os diferentes usos e tamén a evolución das técnicas para a súa produción. Xa por último, observaremos os restos conservados na exposición do museo para falar da decoración e das formas e utilizalas como referencia para crear, despois, a nosa pote castrexo.
Sábado 30 de agosto: ARTISTAS ORFEBRES. TALLER FAMILIAR
Esta actividade en familia permitirá coñecer o gusto polo adorno corporal desde a Prehistoria. Centrarémonos na colección do Museo de San Antón para descubrir non só as xoias máis comúns senón tamén os materiais máis utilizados. Para rematar, as nenas e nenos, axudados pon un familiar adulto/a realizarán un torques castrexo.
ACTIVIDADES NO CASTRO DE ELVIÑA (11.30 h.)
Sábado 19 de xullo: TESOURO DE ELVIÑA. TALLER FAMILIAR
O castro de Elviña será o noso campo de investigación, para descubrir mediante un xogo de pistas os lugares secretos do xacemento e dar caza ao Tesouro de Elviña. A través de réplicas arqueolóxicas achegarémonos, en familia, á a vida na Idade de Ferro que permitirán ao grupo participante poñerse na pel do pobo ártabro.
Sábado 16 de agosto: ARQUEOLOXÍA EN ACCIÓN!
A través dunha escavación simulada as e os participantes poderá achegarse ao traballo dos arqueólogos/as, descubrindo obxectos vinculados co xacemento de Elviña para coñecer as formas de vida das persoas que habitaron o castro. Faremos un pequeno percorrido polo xacemento para coñecer as estruturas que foron quedando a vista tras as diferentes campañas de escavación.

15 de diciembre de 2025

15 de diciembre de 2025

15 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible