29 de abril de 2025
O consistorio recibiu o permiso de Patrimonio para a plantación. Os novos exemplares están xa preparados no xardín desde a semana pasada
O Concello plantará a vindeira semana os olmos resistentes á grafiose no xardín de San Carlos. As árbores proceden dun viveiro especializado en Van der Berk, nos Países Baixos, e son exemplares de gran porte, con ata 8 metros de altura e un calibre que oscila entre 30 e 35 centímetros.
Os exemplares chegaron hai dúas semanas á Coruña e agardan nos propios xardíns o preceptivo permiso de Patrimonio. O dito permiso foi recibido esta semana, polo que nos vindeiros días procederase á súa plantación, paso previo para poder fixar unha data para a reapertura ao público dos históricos xardíns.
Os novos exemplares, a diferenza dos que foron retirados, abatidos por unha enfermidade causada por un fungo que acabou con todos os olmedais de Europa, son dunha variedade desenvolvida precisamente para resistir a dita enfermidade.
A plantación dos novos olmos forma parte do Plan de rehabilitación integral dos xardíns de San Carlos que está a desenvolver o Concello. Actualmente estanse a renovar os aseos públicos nese ámbito, e estase a preparar un estudo específico sobre as necesidades de restauración da muralla de San Carlos. Ademais, durante os últimos meses fixéronse tamén sondaxes arqueolóxicas para coñecer en profundidade o patrimonio histórico coruñés. Nas ditas campañas apareceron restos das antigas estruturas de carácter militar existentes, e estes restos teranse en conta na nova plantación para evitar que os sistemas radiculares das árbores poidan danalas. Por este motivo, plantaranse finalmente oito olmos sen que isto afecte á esencia do xardín.
Ademais, nos exemplares máis achegados á muralla disporase un sistema separativo subterráneo para evitar que as raíces desas árbores poidan afectarlle á muralla como acontecía ata o de agora.
A plantación das novas árbores non afectará á distribución dos parterres, que quedarán tal e como foron reconfigurados no pasado mandato recuperando a súa traza orixinal. "Moi pronto San Carlos volverá abrir e farao coa garantía de que a grafiose xa non lles afectará ás novas árbores", indicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
Díaz indicou que as actuacións levadas a cabo en San Carlos coordináronse desde o primeiro momento con Patrimonio, unha coordinación con resultados positivos que garanten a conservación do espazo.

27 de noviembre de 2025

22 de octubre de 2025

14 de octubre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible