11 de junio de 2026
A configuración da instalación permitirá que as persoas usuarias podan practicar unha ampla varidade de disciplinas deportivas, como baloncesto, fútbol-sala, balonmán, voleibol, hóckey e mini-basket
O Concello avanza na consecución da primeira fase do Plan de barrios 2025-27, con máis actuacións en marcha en Monte Alto, onde hoxe comezaron as obras de construción da nova pista multideporte que se habilitará a carón da rúa Faro Finisterre.
A creación da pista suporá un investimento de máis de 230.000 euros e dotará o barrio do que será o seu primeiro equipamento público deste tipo. A configuración da instalación permitirá que as persoas usuarias poidan practicar unha ampla variedade de disciplinas deportivas, como baloncesto, fútbol-sala, balonmán, voleibol, hóckey e mini-basket.
A alcaldesa, Inés Rey, fixo fincapé na importancia desta actuación, que busca darlle resposta a unha proposta das catro ANPA de Monte Alto, proposta que, no seu momento, foi valorada positivamente a través dos orzamentos participativos.
"É fundamental que os barrios dispoñan de espazos multiusos onde impulsar a práctica de exercicio físico e o ocio saudable. Espazos que, ademais, tamén son fundamentais para crear núcleos de interrelación social e convivencia entre a cidadanía. Estamos a traballar nesta liña para que cada distrito da cidade onde exista ou existise esta carencia, se lles dea resposta ás necesidades das veciñas e veciños", indicou Rey.
Neste sentido, as primeiras actuacións que abren camiño á construción da pista serán visibles xa sobre o terreo nos vindeiros días, coa instalación das casetas de traballo e tamén a disposición do valado perimetral que delimitará a superficie de obra. A previsión do Concello é que a súa execución se complete en aproximadamente tres meses.
En paralelo, avances para construír unha nova pista en Lonzas
A posta en marcha dos traballos para crear a nova pista multideporte de Monte Alto permítelle ao executivo local dar un novo paso no plan para ampliar e mellorar os equipamentos deportivos nos dez distritos da cidade.
Se o pasado verán se habilitaron dúas novas pistas no barrio dos Rosales e no núcleo residencial da Silva, semanas atrás concretouse a primeira da Urbanización Breogán.
Agora, o Concello avanza con vistas á construción da futura pista do parque Pierre de Coubertin, en Lonzas, cos trámites de licitación xa abertos.
También te puede interesar
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible