24 de septiembre de 2026
O festival celebrarase do 4 ao 19 de novembro con propostas en 29 espazos e coa incorporación de Reale Foundation como patrocinador
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, reivindicou a cultura accesible como un dereito e puxo en valor traballo das entidades sociais
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, vicepresidenta da Fundación Emalcsa, presentou esta mañá no Salón Real do Concello a décima edición de FESTIGUAL. O festival celebrarase do 4 ao 19 de novembro con propostas en 29 espazos, desde teatros, bibliotecas e centros cívicos ata o Mercado de Monte Alto, o Hospital Marítimo de Oza e o centro penitenciario de Teixeiro. Esta iniciativa forma parte da programación de inclusión e dinamización impulsada polo Goberno de Inés Rey para universalizar o acceso da veciñanza á cultura.
Canosa reivindicou a cultura como un dereito que comprende tanto o acceso aos espectáculos como a creación e a participación nas decisións. «E iso esixe pensar na accesibilidade desde o momento en que se programa, non despois», afirmou. A concelleira vinculou o festival coa tradición creativa da Coruña e co traballo das súas entidades sociais, e situou a autoría das persoas participantes no centro do proxecto: «Xa non son a materia dunha obra: son as autoras».
Na presentación interviñeron tamén María Arantzazu Escalada Sarabia, de Reale Foundation España; Ricardo Castro Santa Cruz, de Vegalsa Eroski; Belén Rey, da Fundación María José Jove; e Sol Agra, deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña.
Nacido en 2017 a partir da convocatoria Cultura Accesible e Inclusiva, FESTIGUAL suma máis de 160 actividades e espectáculos, arredor dun milleiro de artistas, 126 entidades e profesionais implicados e máis de 14.000 participantes. Canosa agradeceu o traballo das entidades e do equipo da Fundación Emalcsa, coa súa directora xerente, Bettina Kohlhaas, á fronte da coordinación.
Entre as propostas desta edición figura Arte con Impacto, que reúne a Yolanda Dorda, Lara Pintos, Manuel Suárez, Jano Muñoz e Héctor Francesch coas entidades Grumico, APEM, Adcor, Ecos do Sur e Bolboretas para crear as obras da exposición do décimo aniversario. «Non é un proxecto sobre as entidades: é un proxecto con elas. Aquí ninguén é o tema de ninguén», sinalou a concelleira.
A gala Mulleres pola inclusión abrirá o festival o 4 de novembro no Teatro Rosalía de Castro, con Guadi Galego, A Banda da Loba, Uxía Senlle e Chungo Pastel. O peche será o 19 de novembro na Sala MardiGrass con Música baixo as estrelas, unha proposta nacida en FESTIGUAL que leva aos escenarios o traballo de músicos da rúa.
A programación inclúe On Time, de Fritsch Company, no ciclo TRC Danza; Inverno na Lavandaría, de K Paparota, en Todo Público; e a colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia. Participará por primeira vez Muxicas, o grupo de teatro da ONCE. Un museo en movemento achegará mediante realidade virtual a colección do Museo de Belas Artes a persoas con dificultades para desprazarse.
Haberá tamén propostas sobre saúde mental da mocidade e soidade das persoas maiores. As Xornadas de Arte e Saúde chegarán ao alumnado de Terapia Ocupacional da Universidade da Coruña. A produción propia Arte a Escena contará coa presenza de programadoras e programadores para favorecer a circulación dos espectáculos galegos inclusivos, mentres que as I Xornadas de Artes pola Inclusión permitirán compartir experiencias entre profesionais do sector.
Reale Foundation incorpórase como patrocinador, con apoio ao festival e a Arte con Impacto, e contribuirá á súa difusión nacional a través de Cultura con Impacto. Vegalsa Eroski amplía a súa colaboración coa difusión da programación na rede de supermercados da Coruña. A Fundación María José Jove e a Deputación da Coruña manteñen tamén o seu apoio ao proxecto.
O código QR que acompaña esta nota permite consultar a programación completa na nova web de FESTIGUAL, que incorpora melloras de accesibilidade. Canosa convidou a veciñanza a participar e a «gozar do talento que temos nos escenarios».

15 de julio de 2026

7 de julio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible