28 de febrero de 2019
A edil de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, avanza que o goberno local implantará nas vindeiras semanas este programa, “que permitirá actuar, preventivamente, no coidado e atención da cidadanía de idade máis avanzada”
A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, presentou esta mañá Redeiras, o programa piloto de prevención para a atención de persoas maiores que se atopan en situación de soidade. A iniciativa, tal e como apuntou a edil, pretende abordar, de xeito global, a soidade non desexada a través da creación dunha rede de apoio veciñal e de axentes sociais da cidade "que poñan o foco sobre as persoas maiores e as necesidades que teñen no seu día a día", á vez que evita situacións de illamento ou que poidan supoñer consecuencias negativas para a súa saúde.
"Nos últimos anos vemos como se están a favorecer os comportamentos máis individualistas e os ritmos de vida moi rápidos. No Concello da Coruña cremos que é hora de recuperar os vínculos do sentido comunitario e facerlle fronte, por parte de todas e todos, a un problema que é común", apuntou a edil. Así, Redeiras, que se implantará nas vindeiras semanas, propón reforzar a atención ás persoas maiores e crear redes nos barrios que lle permitan á veciña de idade máis avanzada seguir mantendo a súa residencia habitual e a relación coa súa comunidade. Esta rede, segundo sinalou Cameán, parte do lugar habitual no que as persoas maiores desenvolven o seu día a día, como poden ser os establecementos próximos ao seu fogar --farmacia, panadaría, praza, comercio de proximidade--, "espazos nos que teñen depositada a súa confianza", pero tamén da propia comunidade veciñal e do barrio que, ao longo do día, teñen contacto con estas persoas. "Os establecementos adheridos ao programa Redeiras contarán cun distintivo para que a cidadanía saiba e poida recoñecer a participación nesta iniciativa", apuntou a concelleira.
"A creación deste tecido pretende sensibilizar á cidadanía sobre esta problemática, apelar á conciencia do sentir comunitario e potenciar unha nova mirada sobre as persoas maiores, á vez que pode detectar situacións de soidade e vulnerabilidade", sinala a edil, quen explica que este programa piloto favorecerá unha actuación "máis áxil e eficaz por parte do Concello". "O goberno local xa trasladou o información do desenvolvemento de Redeiras a diferentes axentes sociais, como a rede de farmacias, establecementos comerciais ou asociacións veciñais, e quere agradecer a súa vontade de colaboración e boa acollida do programa", apunto Cameán.
Funcionamento das alertas
Os Servizos Sociais do Concello, ao recibir unha alerta ou información a través do programa piloto Redeiras, iniciarán unha intervención para valorar, en primeiro lugar, a situación da persoa, coa idea de poder propoñer ou activar os recursos municipais axeitados en cada caso, como poden ser as ferramentas de atención á dependencia ou aquelas encamiñadas cara a prevención, como son as actividades socioculturais dos centros cívicos. Ao fío, a edil lembrou que, desde o ano 2015, o Concello incrementou notablemente os recursos de axuda á dependencia así como de promoción da autonomía persoal. Así, os equipos profesionais poderán propoñer o recurso de apoio máis axeitado para cada caso, como pode ser incluír os servizos de teleasistencia, talón restaurante, bonotaxi, grupos de autoaxuda, atención ou axuda no fogar, comedor social ou outras iniciativas, ademais dos recursos existentes noutras administracións ou na rede de entidades sociais da cidade.
A intervención incluirá tamén a realización dun seguimento continuo, por parte dos servizos municipais, de cada un destes casos. "A idea non é só a activación de recursos sociais, senón poder facer un acompañamento e seguimento de cada persoa, que sintan o reforzo da súa comunidade e non se sintan soas", aseverou a responsable de Xustiza Social e Coidados. "A soidade non desexada é un problema común ao que temos que enfrontarnos como sociedade. E A Coruña sempre demostrou o seu carácter coidador, que pon ás persoas no centro das súas políticas, sendo actualmente o municipio que máis inviste en políticas sociais de Galicia. Crear esta conciencia de comunidade e outorgar acompañamento ás persoas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade é un paso máis para avanzar cara a esa Coruña Próxima que estamos a construír", sinalou a concelleira.
Envío de alertas
A concelleira avanzou que se establecerán distintos procedementos de actuación en función do carácter da alerta. Así, no caso de non tratarse dunha situación de emerxencia --por non ser un risco inminente para a persoa--, a alerta canalizarase a través do teléfono gratuíto de atención cidadá 010 no seu horario de atención ordinaria ao público --08.00 horas até as 20.30 horas de luns a venres--, que trasladará a información ao centro cívico de referencia do ámbito comunitario. No caso dunha situación de urxencia, ben por ter acontecido un feito grave, como un accidente, ou sospeitar que a persoa está en situación de risco, a alerta débese trasladar á Policía Local. "O 092 porá en coñecemento dos servizos sociais, se é necesario, o caso, para actuar con dilixencia desde o Concello e iniciar, se procede, as sancións oportunas", sinalou Cameán.
Nas vindeiras semanas o Concello iniciará a difusión deste proxecto de atención e coidado nos diversos equipamentos e establecementos participantes para o coñecemento da veciñanza.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible