2 de junio de 2026
Carolina Deslandes, Apolo 18, Kid Mount e De Ninghures conforman o cartel desta terceira edición
A Coruña volverá converterse no venres 12 de xuño, e desde as 17.00 horas, nun dos grandes epicentros da música en galego e das culturas atlánticas coa celebración da terceira edición do festival Aquí Tamén se Fala, unha iniciativa impulsada desde o IES Rafael Dieste que conta co apoio do Concello da Coruña. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou esta mañá no acto de presentación do evento, celebrado no propio instituto coruñés. "Desde o Goberno de Inés Rey sentímonos orgullosos de que a iniciativa cultural máis innovadora de Galicia nacese na nosa cidade e continúe medrando aquí, co noso apoio desde o inicio", indicou Castro.
O evento, que naceu nas aulas dun instituto público da cidade e que terá de novo lugar na Praza da Tolerancia, consolídase este ano como un festival de dimensión internacional grazas á incorporación ao cartel da artista portuguesa Carolina Deslandes, unha das voces máis relevantes da música lusa contemporánea e auténtico fenómeno social cun millón de seguidores en Instagram nun país de pouco máis de dez millóns de habitantes. A presenza de Deslandes marca un novo fito para un festival que, desde a súa creación, conseguiu situar a música e a lingua galegas nun espazo de prestixio, convivencia e celebración colectiva. Xunto á artista portuguesa actuarán as bandas galegas Apolo 18, Kid Mount e De Ninghures, tres propostas que representan a diversidade, a renovación e o momento de efervescencia creativa que vive actualmente a música galega.
O festival é unha das iniciativas máis visibles de Aquí Tamén Se Fala (ATSF), o maior movemento de dinamización lingüística do país, nacido no IES Rafael Dieste e convertido xa nun fenómeno social e educativo de sen precedentes. O que comezou como unha campaña impulsada polo alumnado para visibilizar a presenza do galego nos barrios da Coruña acabou estendéndose a centos de centros educativos de todo o país, mobilizando decenas de miles de estudantes e recibindo recoñecementos como o Premio da Cultura Galega, o Innovagal, o Rosalía de Castro da Deputación da Coruña ou o Mil Primaveras.
Tras congregar arredor de 5.000 persoas en cada unha das súas anteriores edicións, o Festival Aquí tamén se fala afronta este novo capítulo coa ambición de seguir medrando sen renunciar á súa esencia: demostrar que a mocidade pode liderar proxectos culturais de grande impacto e que a lingua galega ten capacidade para ocupar con naturalidade os escenarios, as rúas, as pantallas e os espazos de referencia do presente.

24 de julio de 2026

23 de julio de 2026

23 de julio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible