23 de septiembre de 2026
As xornadas desenvolveranse entre o 24 e o 26 de setembro con obradoiros, visitas guiadas, contacontos, exposicións e actuacións musicais para todos os públicos
O Castro de Elviña volverá ser esta semana escenario dunha nova edición de 'Sons e saberes no Monte dos Crutos', unha iniciativa que combina patrimonio, memoria, natureza e cultura a través dun amplo programa de actividades abertas á cidadanía. O Concello da Coruña colabora na organización destas xornadas, promovidas pola asociación Tempo Novo, que se celebrarán entre o xoves 24 e o sábado 26 de setembro.
"Desde o Goberno de Inés Rey continúase apostando por iniciativas que contribúen a difundir e poñer en valor o patrimonio histórico e arqueolóxico da cidade, ao tempo que fomentan a participación veciñal e o acceso á cultura en espazos singulares como o Castro de Elviña", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
O programa arrincará o xoves 24 de setembro, ás 17.30 horas, cun obradoiro de estampaxe no que as persoas participantes poderán elaborar a súa propia diadema inspirada no Tesouro de Elviña, guiadas polo arqueólogo experimental Vítor García Piñeiro. Xa o venres 25, ás 17.30 horas, desenvolveranse simultaneamente un obradoiro de construción de valos tradicionais impartido polo canteiro Manuel Campos Vilaverde e unha visita guiada ao Castro de Elviña.
A xornada principal será a do sábado 26 de setembro. A programación comezará ás 9.30 horas cun roteiro de natureza e historia pola contorna do castro da man de Alejandro Álvarez. A partir das 11.30 horas abrirase o recinto arqueolóxico, que acollerá durante toda a xornada unha exposición fotográfica sobre memoria colectiva e unha ciclobiblioteca especializada en patrimonio e memoria. Tamén ás 11.30 horas terá lugar unha visita musicada ás escavacións recentes guiada polo arqueólogo municipal Marco Rivas Nodar. Posteriormente, ás 13.00 horas, Anxo Moure ofrecerá unha primeira sesión de contacontos.
O encontro continuará cun xantar popular ás 14.00 horas, concibido como un espazo de convivencia aberto á participación da veciñanza. Pola tarde, ás 16.00 horas, Antón Cortizas impartirá un obradoiro de construción de brinquedos con refugallos. Ás 16.30 horas realizarase unha visita comentada á exposición fotográfica e ás 17.00 horas haberá unha nova sesión de contacontos con Anxo Moure, así como a actividade participativa 'Os Foucellas da billarda', unha eira de aprendizaxe deste xogo tradicional. A programación pecharase ás 19.00 horas co concerto do grupo Aghrú, que protagonizará o solpor musical co que concluirá esta edición.
As actividades buscan achegar á cidadanía o valor histórico, cultural e ambiental do Castro de Elviña, un dos principais xacementos arqueolóxicos da cidade, combinando divulgación, lecer e participación nunha proposta pensada para todos os públicos. Aquelas actividades que requiren inscrición previa poden reservarse a través do correo electrónico contacto@temponovo.gal ou do teléfono 651 498 212.

23 de septiembre de 2026

21 de septiembre de 2026

20 de septiembre de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible