15 de julio de 2026
Inés Rey destacou o papel da educación pública na transmisión dos dereitos ás novas xeracións
O galardón distingue o traballo continuado da comunidade educativa na defensa da igualdade, da diversidade e na prevención da LGTBIfobia
O Concello entregou esta tarde o III Premio Tomás Fábregas ao IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, en recoñecemento ao compromiso continuado de toda a súa comunidade educativa coa igualdade, a diversidade afectivo-sexual e de xénero e a construción de espazos seguros e libres de discriminación.
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o acto no Salón de Sesións do Palacio de María Pita, acompañada pola concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa. A directora do instituto, Isabel Ruso, recolleu o premio en representación do centro.
Inés Rey salientou que o Eusebio da Guarda leva anos facendo da igualdade, da diversidade e da convivencia unha parte esencial do seu proxecto educativo. «A educación pública é unha das ferramentas máis poderosas que temos para construír unha sociedade máis libre, máis igualitaria e máis democrática», afirmou a alcaldesa, quen reivindicou as aulas como espazos nos que aprender a convivir, respectar e combater os prexuízos e os discursos de odio.
O instituto desenvolve unha liña estable de traballo arredor destas materias, especialmente a través de «Iguais na diversidade», un espazo integrado por alumnado e profesorado desde o que se impulsan exposicións, concursos, cinefórums, materiais educativos e accións de sensibilización contra os estereotipos e a LGTBIfobia. Este labor compleméntase coa súa colaboración habitual cos programas municipais e co tecido asociativo LGTBI da cidade.
Nereida Canosa incidiu no valor preventivo da educación: «Defender os dereitos non consiste só en actuar cando existe discriminación; consiste tamén en educar para que esa discriminación non chegue a producirse». A concelleira agradeceu o compromiso de Isabel Ruso, de Noemí Díaz e François Davó co proxecto, e felicitou o alumnado participante, representado no acto por Alma Pena, Daniela Ares, Irene Souza e Zulema Fariña.
O Premio Tomás Fábregas mantén viva a memoria do activista coruñés que se enfrontou ao estigma e á discriminación das persoas con VIH. Nas edicións anteriores, o galardón recoñeceu a Fina Baliñas e a ALAS A Coruña. Nesta terceira convocatoria chega á educación pública, poñendo en valor o papel das novas xeracións na continuidade e defensa dos dereitos LGTBI.
O acto contou tamén coa actuación musical de Marian Ledesma, que interpretou «Mujer contra mujer», «Soy lo que soy» e «I Will Survive».
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible