16 de agosto de 2026
Coas obras do novo centro de apoio e do valado perimetral xa en marcha, esta terceira intervención redondeará un abano de medidas que, no seu conxunto, suporá un investimento de 750.000 euros
Novo paso adiante no plan de actuacións proxectado polo Concello no xacemento arqueolóxico do Castro de Elviña, onde está previsto acometer melloras de accesibilidade na contorna da entrada principal ao recinto, cun investimento superior aos 150.000 euros.
As obras, adxudicadas recentemente á empresa López y Leis, centraranse en acondicionar o acceso a un dos principais emblemas da rede de Museos Históricos da Coruña, onde tamén se prevé efectuar tarefas específicas para mellorar as condicións de visita.
Con esta medida, o Goberno de Inés Rey reforza a súa folla de ruta para pór en valor o Castro de Elviña, onde actualmente están en execución dúas intervencións máis: por un lado, a execución do centro de apoio ás actividades arqueolóxicas e didácticas e, por outro, a creación do novo valado perimetral que rodea o xacemento, clave para reforzar a súa protección e coidado.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, fixo fincapé na importancia deste abano de actuacións, "necesarias para cumprir o noso obxectivo de revitalizar o Castro de Elviña, sendo como é unha das principais xoias patrimoniais da cidade".
Con estas tres actuacións mencionadas -melloras de accesibilidade, construción do novo centro de apoio e o novo valado perimetral que arrodea o Castro- o Concello levará a cabo un investimento que supera os 750.000 euros no seu conxunto.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible