Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de xuño de 2023

Un total de 117 pezas conforman unha mostra que abarca toda a traxectoria coruñesa e americana de Emilio Celeiro

O Concello réndelle homenaxe a Emilio Celeiro cunha exposición antolóxica da súa obra

A exposición, que se desenvolve no Kiosco Alfonso ata o 25 de xullo, coincide coa celebración do 70 aniversario da primeira mostra do pintor celebrada na Coruña

O Concello da Coruña réndelle desde hoxe unha especial homenaxe a Emilio Celeiro cunha exposición na que se repasa toda a súa dilatada traxectoria. A mostra "Celeiro" desenvólvese no Kiosco Alfonso ata o 25 de xullo.

A exposición, presentada polo concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Insfraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz, e polo propio artista, coincide co 70 aniversario da primeira mostra na que participou Celeiro na cidade. Foi unha exposición colectiva realizada na Delegación Provincial de Sindicatos, en 1953. Un ano despois, Emilio Celeiro faría a súa primeira mostra individual, tamén na Coruña. Díaz destacou a longa traxectoria artística do creador e a calidade da súa obra.

Pintor, escultor, ilustrador e gravador, a traxectoria e obra de Emilio Celeiro está caracterizada pola súa capacidade creativa, de tal maneira que a exposición representa unha oportunidade única para coñecer as súas diferentes caras, das múltiples paixóns que verteu sobre os seus traballos. Desde os seus inicios por Monte Alto, polo Campo da Leña, o seu paso por Venezuela e o seu regreso á súa cidade.

A mostra permite facer un amplo percorrido polos seus retratos, pasando pola súa explosión persoal e artística en terras americanas -compartindo experiencias con outros galegos ilustres como Granell, Sucasas ou Secundino Rivera- e polas súas tendencias surrealistas e as súas primeiras esculturas, ata as súas 'pintoesculturas', os seus peces, as  rodas e as mutantes.

A mostra consta de 117 obras, que cronolóxicamente abranguen desde 1948 ata 2021. Está estruturada en capítulos temporais: A Coruña (ata 1955), Venezuela (1955-1970 e 1970-1989) e A Coruña (1989-2005 e 2005-2021). En espazos diferentes sitúase tamén a súa obra sobre papel, dividida nos períodos de Venezuela (1955-1989) e A Coruña (1989-2021), contando ademais con esculturas que se distribúen por todas as épocas.

Trátase polo tanto dunha exposición antolóxica que abrangue toda a súa traxectoria artística, desde as súas obras máis temperás ata as últimas realizadas no período de confinamento e da pandemia sanitaria. O historiador, escritor e artista plástico Carlos Pereira Martínez é o comisario da mostra.

Celeiro forma parte dese gran elenco de artistas coruñeses que se caracterizaron por un gran oficio e unha excepcional imaxinación. No seu caso, a súa obra recorre desde o realismo ao expresionismo, desde a abstracción ao surrealismo, pasando con gran éxito por diferentes artes como o debuxo, a pintura, o gravado, a pintoescultura e a escultura.

A exposición chega cando o artista está próximo a cumprir 95 anos e despois de que, hai dous anos, presentara na sala de ARGA a súa mostra "Tarot", realizada durante o confinamento. Celeiro, que se recuperou dúas veces da Covid, precisamente cedeu á cidade da Coruña a súa escultura "Xente", exposta nos xardíns de Méndez Núñez desde novembro de 2021 e coa que quixo renderlle homenaxe ao persoal sanitario polo seu traballo e esforzo durante a pandemia.

A súa anterior exposición nun espazo municipal foi en 2015, cando o Palacio Municipal acolleu a mostra "Mutantes".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión