29 de septiembre de 2026
A partir deste martes arrincan as propostas que inclúen teatro, contos, obradoiros e espectáculos musicais abordando diferentes temáticas dun xeito lúdico
O Concello, a través do Servizo de Normalización Lingüística, retoma a súa programación habitual do programa Apego, tras o descanso estival, para estes meses do outono, orientada a familias con crianzas de entre 0 e 6 anos, que se desenvolverán nas aulas do Centro Ágora.
Apego procura unha difusión de contidos culturais en galego, a dinamización da lingua e o contacto interxeracional a nivel idiomático para proporcionar un ambiente de inmersión lingüística para falantes habituais de galego e, tamén, para aquelas familias que buscan achegarse a el dun xeito lúdico, divertido e, por suposto, didáctico. Desta volta trataranse temas como a ecoloxía, a tradición cultural, a resolución de conflitos, o feito de compartir ou os estereotipos de xénero. As inciciativas forman parte das accións de dinamización cultural e normalización linguística apoiadas polo Goberno de Inés Rey para promover a identidade e o fortalecemento da lingua galega en todas as idades.
"Apego é unha desas iniciativas que crean comunidade e identidade dun xeito lúdico, divertido e adaptado aos nenos e nenas. O apoio a programas coma estes é fundamental para fortalecer e inculcar o uso da nosa lingua en todas as franxas de idade", subliñou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
Neste sentido, o programa Apego volve cunha programación de gran variedade para público familiar: teatro, contos, obradoiros e música estarán presentes na oferta cultural do Servizo de Normalización Lingüística.
Abre o novo ciclo de actividades, este martes 29 de setembro, o espectáculo "Festa de letras", de Iria Pinheiro, unha festa literaria para os/as máis peques na que se entrelazan historias sobre osos que atravesan fronteiras, meigas voadoras, monstros que teñen medo e libros que agochan sorpresas. "Festa de letras" é un show pero tamén un obradoiro de teatro no que participa o público asistente que lles achegará ás crianzas o amor pola literatura e a lingua galega.
A programación completa, dende setembro ata decembro, con dous pases cada día (17.00 e 18.30 horas) constará dos seguintes espectáculos e obradoiros, que se realizarán na aula 8 do Centro Ágora:
"Festa de letras", de Iria Pinheiro (3-6 anos), o martes 29 de setembro
"Garavanciña", de Migallas Teatro (1-3 anos), o martes 6 de outubro
"Contos na pel", de Alma Blanco (18 meses-2 anos), o martes 13 de outubro
"C@nto contigo", de Paco Nogueiras (3-6 anos), o martes 20 de outubro
"Monstros acústicos", de Chuches Amil (3-6 anos), o martes 27 de outubro
"A viaxe de Nano", de Raquel Queizás (1-3 anos), o martes 3 de novembro
"Obradoiro de chapas e tatuaxes", de Eduvía (4-6 anos), o martes 10 de novembro
"Xela, aventura na fraga", de Inma Soto (5-6 anos), o martes 17 de novembro
"Ilustres instrumentos musicais: obradoiro de experimentación artística para a infancia", de Laura Romero (5-6 anos), o martes 24 de novembro
"Tantarantiña", de Cris de Caldas (0-3 anos), o martes 1 de decembro
Todas as actividades son de balde, con inscrición previa (os venres anteriores ás actividades), ata completar a capacidade da aula. Máis información nas seguintes ligazóns:
https://www.coruna.gal/lingua/gl/axenda/proximas-inscricions
https://www.coruna.gal/lingua/gl/detalle/programa-apego-actividades-para-setembro-decembro-do-2026/suceso/1453921734018

29 de septiembre de 2026

29 de septiembre de 2026

28 de septiembre de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible