4 de xullo de 2025
A Mesa de Vivenda reuniuse esta mañá para compartir os avances coas entidades participantes e recoller achegas ao plan de medidas
O Goberno municipal segue a avanzar na entrada en vigor da declaración da Coruña como Zona de Mercado Residencial Tensionado (ZMRT). Esta mañá celebrouse unha nova sesión da Mesa Sectorial de Vivenda, presidida polo concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, na que se trasladaron os últimos avances ás entidades participantes e se recolleron achegas para o plan de medidas que está a elaborar o Concello como complemento da declaración de ZMRT..
O encontro forma parte do proceso de diálogo aberto co conxunto de axentes sociais e económicos implicados, co obxectivo de artellar un plan de acción que permita aplicar medidas de contención e apoio no ámbito do alugueiro.
"O acceso á vivenda é unha das principais preocupacións da cidadanía e por iso seguimos a traballar con determinación para avanzar nun marco que nos permita intervir no mercado e garantir este dereito básico", sinalou Díaz Gallego.
A declaración como Zona de Mercado Residencial Tensionado permitirá ao Concello optar a ferramentas específicas de regulación e facilitará a posta en marcha de políticas de vivenda adaptadas á realidade da cidade. O Executivo local prevé continuar co proceso nas vindeiras semanas, mantendo o diálogo co sector e co compromiso de abordar o reto da vivenda desde unha perspectiva transversal e participada.
Na Mesa participaron representantes de APROINCO, APECCO, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), o Colexio Oficial de Arquitectura Técnica, o Colexio da Propiedade Inmobiliaria, o Colexio de Administradores de Fincas, a Federación de Asociacións de Veciños, a Delegación do Goberno, a Confederación de Empresarios, AGALÍN, Poten100mos, Provivienda, Fundación RAIS, Cruz Vermella, CASCO e Cáritas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible