3 de septiembre de 2025
O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, participou este mediodía na inauguración oficial do certame, que se realiza do 3 ao 6 de setembro
O Fórum Metropolitano acolleu esta mañá o acto inaugural do Festival Lóstrego, que arrinca hoxe a súa primeira edición na cidade da Coruña cunha programación centrada no cinema fantástico e de terror. O concelleiro de Cultura, Gonzalo Henrique Castro Prado, participou na apertura institucional do evento, que se desenvolverá ata o sábado 6 de setembro, con proxeccións, obradoiros, charlas e actividades de lecer para públicos de todas as idades.
Durante a súa intervención, o concelleiro destacou a importancia desta nova proposta cultural "que achega unha ollada renovadora ao audiovisual e converte A Coruña nun punto de encontro para persoas creadoras, público e profesionais do sector". Castro subliñou tamén o valor do festival "como espazo interxeracional e accesible, que dialoga coa tradición do xénero pero aposta pola innovación e a diversidade".
O Festival Lóstrego nace co obxectivo de consolidarse como unha cita de referencia para o audiovisual galego e para as persoas afeccionadas ao chamado "fantaterror". A súa programación combina a exhibición de curtametraxes galegas, nacionais e internacionais con longametraxes como Malencolía, Jacinto, Sen alma, La noche de los muertos vivientes, Mirai, mi hermana pequeña ou Totoro. A Sección Oficial de Curtametraxes desenvolverase en catro sesións, unha cada tarde entre o 3 e o 6 de setembro.
Ademais das proxeccións, o festival ofrece un amplo abano de actividades paralelas: obradoiros infantís como Crea o teu monstro, Pinta o teu Totoro ou Dados de storytelling; contacontos, unha xincana máxica, disfraces, mural colectivo, presentacións de libros e encontros profesionais e masterclasses, pensadas para fomentar o intercambio entre cineastas e público.
Un dos espazos destacados desta edición é a exposición colectiva arredor de Totoro, icónico personaxe do cinema de animación xaponés e símbolo de calma, fantasía e respecto pola natureza. A mostra recolle a reinterpretación da figura de Totoro a través das obras de 35 artistas.
A gala de clausura, que terá lugar o sábado 6 pola noite, incluirá a entrega dos premios ás mellores curtametraxes da sección oficial, así como o recoñecemento do público e a intervención das persoas responsables da organización, que pecharán esta primeira edición cunha mensaxe de agradecemento á cidade e ás entidades colaboradoras.
Desde o Concello da Coruña valórase moi positivamente a posta en marcha do Festival Lóstrego, que suma novos formatos e contidos á programación cultural coruñesa e reforza o papel da cidade como referente na promoción da cultura audiovisual, dentro dunha estratexia sostida de apoio á creación e ao acceso á cultura que desenvolve o Goberno de Inés Rey.
O evento conta co apoio do Concello da Coruña, do Fórum Metropolitano, da organización Alas A Coruña, da produtora Fonofox e da entidade Kinemaland: La Tierra del Cine. Toda a información sobre o certame pode consultarse na súa páxina web www.lostregofestival.com e nas redes sociais oficiais do festival.

13 de diciembre de 2025

12 de diciembre de 2025

12 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible