25 de febrero de 2022
María García: “O diálogo serve para impulsar un orzamento para A Coruña post-covid, no que as políticas verdes, o dereito á vivenda, os coidados e a xustiza social teñen un peso decisivo”
Inés Rey: “Estes serán os orzamentos que permitirán impulsar a nosa cidade no momento no que máis o precisa”
O Goberno local e a Marea Atlántica presentaron esta mañá o acordo que permitirá a aprobación dos Orzamentos Municipais. A alcaldesa, Inés Rey, e a voceira da Marea Atlántica, María García, avanzaron as liñas do acordo e as cifras máis relevantes das novas contas municipais, unhas contas que chegan aos 309 millóns de euros e que supoñen un incremento do 19% sobre as que están en vigor.
Os orzamentos permitirán incrementar o gasto social nun 12,3%, e elevarán a partida de investimentos ata os 57 millóns de euros, permitindo poñer en marcha novos investimentos nos barrios e culminar outros xa en marcha.
"A Coruña terá neste ano uns orzamentos claramente expansivos, uns orzamentos pensados como unha potente ferramenta de dinamización económica nun momento tan delicado como o actual, mais tamén como un paraugas que amplíe o escudo social co que conta este Concello para apoiar a quen máis o precisa", indicou Inés Rey, quen valorou a capacidade de diálogo de chegar a acordos polo ben da cidade da Marea Atlántica: "As dúas partes temos demostrado que a capacidade para chegar a acordos ten finalmente resultados, uns resultados que beneficiarán a todos e todas as cidadás", explicou Rey, que agradeceu tamén ao portavoz do Goberno e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, a súa interlocución durante os últimos meses para pechar o acordo hoxe presentado.
Na mesma liña manifestouse a voceira da Marea Atlántica, María García, quen sinalou que "as forzas políticas temos o deber de dialogar e procurar acordos, e neste caso o diálogo serve para impulsar un orzamento para A Coruña post-covid, no que as políticas verdes, o dereito á vivenda, os coidados e a xustiza social teñen un peso decisivo. Un orzamento que crea novos servizos municipais, expandindo as formas nas que o Concello pode facilitarlle a vida a veciñanza. E que atende aos barrios e afronta a emerxencia climática".
Nos vindeiros días as dúas partes convocarán ao resto de formacións políticas para escoitar as súas achegas e incorporar aquelas que supoñan unha mellora para a cidade, coa intención de que os orzamentos poidan ser aprobados polo pleno na primeira quincena do mes de marzo.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible