4 de julio de 2022
Ademais, o executivo e a Marea Atlántica aprobarán a incorporación de 822.000 euros de remanentes do IMCE para reforzar a programación cultural
As dúas partes avanzan tamén execución das axudas á creación e das residencias artísticas en espazos municipais
O Goberno municipal e a Marea Atlántica impulsan esta semana tres dos acordos para o Orzamento 2022 relacionados coas políticas culturais, que se materializarán neste mes de xullo: a constitución do Consello Municipal de Cultura, as axudas á creación e o programa de residencias artísticas en instalacións do Concello.
Con este avance no cumprimento dos acordos garántese, ademais, a incorporación de 822.000 euros de remanentes do IMCE, aprobada hoxe en Comisión de Facenda cos votos de ambos os grupos, e que será ratificada no Pleno deste xoves 7 de xullo. Estes fondos servirán para desenvolver e reforzar a programación cultural para o que queda de ano.
O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage Tuñas, destacou a importancia dos acordos "para apoiar a un sector estratéxico para a cidade e para potenciar e mellorar a oferta cultural para os cidadáns e as cidadás".
Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica, sinala que estas son medidas "que reforzan a relación do Concello co sector cultural da Coruña, e que o fan desde un enfoque de cooperación e proximidade, pensando en beneficiar ás e aos artistas locais".
Deste xeito, o Consello Municipal de Cultura xa conta cun regulamento e Estatutos definitivos, tras o proceso de achegas e diálogo co sector que comezou tras o acto de presentación no Teatro Colón no mes de abril. Este novo organismo aprobarase nun pleno extraordinario nas próximas semanas, un paso que non é obrigatorio pero que permitirá que toda a corporación teña a oportunidade de posicionarse e debater sobre o asunto.
O Consello Municipal de Cultura está pensado para darlle ás e aos profesionais da cultura un espazo de diálogo con toda a corporación local, con voz e voto. Estará presidido pola alcaldesa e terá unha vicepresidencia escollida polo tecido cultural. O seu plenario está pensado para ter unha representación ampla e aberta de profesionais e asociacións culturais, xunto a todos os grupos políticos con representación no Concello. Os seus Estatutos baséanse nos doutros consellos creados durante o pasado mandato, coma o de Inclusión e o de Saúde.
Axudas á creación e residencias artísticas
Neste mes de xullo está tamén previsto o lanzamento de dúas novas políticas culturais que forman parte do acordo entre a Marea Atlántica e o executivo de Inés Rey para a aprobación dos Orzamentos 2022, como son as axudas á creación e as novas residencias artísticas, ambas as dúas centradas en fomentar o tecido cultural local desde a proximidade.
As axudas á creación xa tiveran unha primeira fase piloto dentro do PRESCO, mais agora incrementaranse tanto a súa contía total ata os 180.000 euros, así como o importe máximo que pode recibir unha persoa beneficiaria, ata 10.000 euros. Axilízanse tamén os trámites para solicitalas, procurando que sexan o máis útiles posibles no fomento da produción cultural na cidade da Coruña.
Ambos os dous grupos acordaron tamén as bases para o programa de residencias artísticas en espazos e recintos municipais: o centro Ágora, o Teatro Rosalía, o auditorio do Fórum Metropolitano e a sala Túnel do Coliseum, para acoller propostas de artes escénicas, música, danza, maxia, novo circo... O seu orzamento chega aos 150.000 euros, que inclúen a produción artística e a cobertura de determinados gastos. Priorizarán a artistas residentes na Coruña, pero están abertas a proxectos desenvolvidos tamén desde fóra da cidade.
Deste xeito, avanza a posta en marcha das novas políticas públicas previstas no acordo para os Orzamentos 2022, que incrementaron en 3,1 millóns de euros os fondos para a Área de Cultura.
29 de abril de 2024
27 de abril de 2024
26 de abril de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible