Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de decembro de 2022

O bus urbano manterá o seu prezo no 2023, asumindo o Concello o custe da sentenza que obriga a restablecer as tarifas do 2019.

O Goberno municipal pon en marcha a reforma integral de San Andrés, os novos skate park de Eirís e José Toubes e o campo de fútbol de Eirís

O proxecto de reurbanización de San Andrés sae a concurso por 3,6 millóns de euros

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou hoxe que o prezo do billete de autobús urbano manterase durante o 2023 para as persoas usuarias da tarxeta Millennium e da nova aplicación móbil gratuita para aboar o bus. Como consecuencia dunha sentenza do TSXG, o Concello deberá restablecer as tarifas do bus urbano vixentes a principios do 2019. O TSXG anulou na dita sentenza a baixada de prezo aprobada entón polo anterior Goberno municipal e que supuxo un incumprimento de contrato por parte do executivo local, obrigando agora o TSXG ao restablecemento da legalidade. "Pódolles confirmar que o día 1 de xaneiro ningún usuario do bus urbano da Coruña vai pagar máis do que paga agora mesmo. A tarifa ordinaria con tarxeta seguirá sendo de 0,52 euros e o resto manteranse tamén igual" explicou a alcaldesa. Inés Rey lembrou que a decisión ilegal tomada polo anterior executivo suporá para o Concello asumir ata 2,5 millóns de euros de sobrecusto do servizo. 

Respecto á bonificación do 30 % do Ministerio, o Concello da Coruña solicitou á Xunta de Galicia que aboe o 20 % correspondente para poder acceder ao desconto estatal e completar o 50 % da bonificación, tal e como lle fora solicitado no pasado mes de setembro. "Ata o momento a Xunta negouse a achegar fondos para contribuír a axudar os coruñeses no uso do transporte público urbano, mais agardamos que rectifique e non deixe fóra a esta cidade das axudas que si ten activas noutros municipios" sinalou a rexedora. O Estado estableceu que desde xaneiro se manterán as axudas estatais sempre e cando se complementen con fondos autonómicos. Ata o momento, a Xunta negouse a subvencionar o transporte público urbano de coruñesas e coruñeses. 

Reurbanización de San Andrés

Esta mañá aprobouse en XGL a licitación das obras de reurbanización da rúa San Andrés, que sairán a concurso cun orzamento de 3,6 millóns de euros e cun prazo de execución de doce meses. Esta actuación enmárcase nos obxectivos do Goberno de Inés Rey de recuperación de espazos para a cidadanía, con máis zonas verdes e espazos de lecer como a recente reurbanización da contorna do mercado de San Agustín. "Con esta actuación, San Andrés recuperará o valor de paseo con arboredo que se lle deu a finais do século XVIII, cando se plantaron 300 moreiras ao longo da rúa. Nesta actuación está prevista a repoboación da mesma especie e recuperaremos así unha imaxe histórica da nosa cidade" explicou a alcaldesa.

A rúa quedará configurada nunha plataforma única, ganando espazo de uso peonil. Manterase o tráfico rodado cun carril de circulación en cada sentido. Os percorridos peonís e os espazos para a cidadanía serán os protagonistas deste proxecto, grazas ás novas zonas verdes, novo mobiliario urbano e a ampliación das beirarrúas. "Cumprimos co noso compromiso acordado con comerciantes e veciños de reurbanizar San Andrés co obxectivo de ganar este espazo para a cidadanía e recuperar o valor dunha das rúas máis importantes e emblemáticas da nosa cidade".

A nova rúa San Andrés estará interconectada con zonas xa humanizadas como a contorna da Cormelana e Sellier ou con zonas que tamén serán intervidas no futuro, coma os Cantóns. A plataforma única e a ausencia de barreiras arquitectónicas potenciarán a vocación peonil desta rúa que seguirá pechando determinados días ao tráfico para favorecer o seu carácter comercial. "Calculamos que as obras comezarán no segundo semestre do 2023 e ata ese momento seguiremos abrindo a rúa aos peóns as fins de semana como ata o de agora. Consideramos que é unha medida positiva e que estimula o comercio local tal e como nolo fixeron saber dende os diferentes comerciantes e veciños da zona".

Investimentos en instalacións deportivas

Nesta última XGL o Goberno de Inés Rey mobilizou investimentos por 14 millóns de euros repartidos en diferentes actuacións e áreas. "Esta XGL exemplifica o traballo de xestión que está a levar a cabo este Goberno, contribuíndo desde o público a facer unha cidade mellor e con mellores servizos. Ese é o camiño que levamos percorrendo neste mandato e así seguiremos tamén no 2023" explicou a alcaldesa.

Entre os investimentos aprobados destacan tres equipamentos deportivos por valor de máis de dous millóns de euros. A adxudicación das obras da pista de skate, multideportes e reurbanización da praza de José Toubes, unha nova infraestrutura que se situará baixo o viaduto da avenida de Alfonso Molina e que inclúe a urbanización do conxunto da praza e amplía o anterior proxecto, que só incluía a pista de skate. Neste caso, haberá un skatepark máis completo e construirase tamén unha pista multideporte, que quedarán integrados na contorna mediante a adecuación do firme de todo o conxunto. A actuación ten un orzamento de 450.000 euros e un prazo de execución de 4 meses e está cofinanciada con fondos Eidus.

Ademais, a actuación contempla unha mellora da accesibilidade na zona. Reformaranse as beirarrúas e habilitarase un novo paso de viandantes na rúa Fernando Rey con rede semafórica e crearase tamén unha praza peonil como zona de tránsito e encontro, con novos espazos verdes e mobiliario.

Aprobouse tamén a contratación das obras da nova pista de skate no parque de Eirís, que conta cun orzamento de 525.000 euros. Terá dous espazos principais tal e como demandaban os usuarios e usuarias (un bowl e unha skateplaza), adaptando a instalación a outros deportes urbanos como a patinaxe, BMX e patinetes. Ademais crearase un paseo peonil con bancos, fonte e aparcabicis en paralelo ao bowl e na parte central haberá un xardín que actuará como espazo separador entre ambas as zonas.

Aprobouse, ademais, a adxudicación das obras incluídas para o acondicionamento dos vestiarios, campo de fútbol de herba artificial e peche perimetral do Campo de Fútbol de Eirís. O valor do contrato ascende a 1,9 millóns e foi adxudicouse a "Construcciones López Cao". As obras executaranse nun prazo de 8 meses.

Accesos á Cidade das TIC

Por outra banda, aprobouse o convenio de colaboración entre o Concello da Coruña e a Universidade da Coruña para a mellora de accesos e dotación de subministracións básicas para a posta en funcionamento da cidade das TIC (intramuros) por un orzamento de 3,1 millóns de euros.

Locais comerciais

Tamén foi autorizada a compra mediante concurso público de locais comerciais da cidade para o seu uso público no ámbito da dinamización económica e social, para a que se destinará 1 millón de euros. Esta é unha das medidas contemplada no programa 'Mover os baixos', destinado a dinamizar os locais comerciais baleiros e que ten como obxectivo reactivar o comercio de proximidade, dinamizar os barrios e mellorar o espazo público.

Fundación Luis Seoane

Nesta Xunta de Goberno Local tamén se aprobou a contratación das obras de mellora da climatización e do illamento da Fundación Luís Seoane, cumprindo o compromiso do Goberno de Inés Rey de arranxar os problemas do edificio. Trátase das obras comprendidas na fase 1 do proxecto de mellora que contan cun orzamento de 795.000 euros e un plazo de execución de 20 semanas. 

Plan de Sostibilidade Turística: "A Coruña, sostible e dixital"

Esta mañá, ademais, aprobouse o convenio para a implantanción do novo Plan Turístico "A Coruña, sostible e dixital" por valor de 3 millóns de euros. O Plan conta con financiación autonómica e estatal e terá como eixos centrais seguir reforzando a mobilidade eléctrica así como a dixitalización dos servizos turísticos, xunto co posicionamento como cidade do Atlántico. No marco deste novo modelo prevemos a implantación dun bus turístico eléctrico xunto cunha modernización dos sistemas de información, creando unha Oficina Turística Virtual. 

Bolsas Canadá

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación por 650.000 euros do servizo de organización e xestión das Bolsas Norteamérica, para a oferta de 35 bolsas orientadas a rapaces e rapazas que desexen cursar 1º de bacharelato en Canadá durante o vindeiro curso 2023/2024. "Este Concello foi pioneiro neste tipo de bolsas, que seguimos a manter e que contan cunha ampla demanda e supoñen un importante fito desde hai anos na educación de centos de rapazas e rapaces" explicou a alcaldesa.

Reequilibrio Club do Mar

Por outra banda, tamén foi aprobada a compensación ao Club do Mar con 52.807 euros para axudar á entidade no mantemento da piscina, contribuindo ao seu reequilibrio económico.

Unificación do contrato de Seguridade

Ademais, o Concello aprobou a licitación do contrato de seguridade privada das instalacións municipais por un investimento de case 5 millóns de euros. O contrato divídese por lotes e unifica criterios para igualar as condicións o servizo. Ten unha vixencia de 12 meses prorrogables por dúas anualidades máis. 

Proxecto de urbanización de San Pedro de Visma

Outro dos asuntos aprobados foi o proxecto de urbanización de Visma, que suporá para a cidade completar o plan viario da zona conectándoo cos barrios do Ventorrillo e Os Rosales. Este proxecto permitirá ademais a construción de preto de 1.000 vivendas de protección oficial, a creación de 90.000 metros cadrados de novas zonas verdes coa instalación de máis de 200 bancos e a instalación de máis de 1.000 árbores e tres novos parques infantís, zonas de calistenia e biosaludables, xunto coa musealización da Arqueta dos Frades. "Este polígono levaba dúas décadas agardando polo seu desenvolvemento e hoxe aprobamos inicialmente o proxecto, garantizando o futuro da contorna" concluíu a alcaldesa.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión