14 de julio de 2026
Grande Amore, Ortiga, Océano Esquizo ou Zavala actuarán os días 14 e 15 de agosto no Parque Europa
O Parque Europa acolleu esta mañá a presentación da segunda edición do Lembranza Rock, un festival organizado pola Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros e o Concello de A Coruña, que este ano dá un novo paso adiante ampliando a súa duración a dúas xornadas e reforzando a súa aposta pola escena galega do punk, do rock e do metal.
O festival, que terá lugar os días 14 e 15 de agosto, volverá formar parte da programación oficial das Festas de María Pita e das Festas da Gaiteira, nas que se integra por segundo ano consecutivo, consolidándose como unha cita que busca dar visibilidade á diversidade e á calidade da música en galego. A presentación en rolda de prensa contou coa participación de Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña; Paulo Sexto, en representación da Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros; Nuno Pico, líder de Grande Amore; e Xosé Manuel Pereiro, integrante de Océano Eskizo.
"Desde o Goberno de Inés Rey promovemos que as asociacións veciñais conten con independencia para organizar as súas celebracións, dando lugar a propostas tan interesantes como este Lembranza Rock, un evento que pon a música en galego no centro", indicou Gonzalo Castro. Nesta segunda edición, o Lembranza Rock, apoiado desde Promoción da Lingua, amplía o seu formato para ofrecer dous días de concertos gratuítos nos que convivirán algunhas das propostas máis consolidadas da escena galega con novos proxectos que están a gañar protagonismo nos últimos anos.
Entre os principais reclamos do cartel destacan Grande Amore, convertido nun dos fenómenos musicais máis singulares do panorama actual grazas á súa mestura de electrónica, punk e rock; Ortiga, referente da música urbana galega cun estilo que combina ritmos populares, electrónica e retranca; e Loita Amada, unha das bandas que mellor representa o punk rock máis combativo. O festival contará tamén coa presenza de Océano Eskizo, unha das formacións veteranas da escena coruñesa, que continúa sendo unha referencia para varias xeracións de músicos e público de sons psicodélicos e rockeiros. Completarán o cartel artistas emerxentes como Zavala e Boogies, dúas propostas que exemplifican o bo momento creativo que vive a escena galega, e Rapariga DJ para pechar a noite do sábado con baile.
Durante a presentación, a organización destacou que o Lembranza Rock nace coa vontade de ofrecer un espazo estable para a música feita en galego, favorecendo a convivencia entre bandas consolidadas e novos talentos nun festival gratuíto e aberto a toda a cidadanía.
O Concello da Coruña e a Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros reafirman así o seu compromiso coa dinamización cultural do barrio e da cidade, impulsando unha programación diversa que abrangue diferentes estilos musicais e que contribúe a ampliar a oferta das Festas de María Pita desde unha perspectiva comunitaria e de apoio á creación galega.
Festas da Gaiteira
O Lembranza Rock coincidirá coas festas da Gaiteira, que se celebrarán do venres 14 ao domingo 16 de agosto con actividades para todos os públicos. Haberá pasarrúas, feira de artesanía con espectáculos familiares, batucada, sesións de Cascarillarte e sesión vermú na rúa da Gaiteira.

14 de julio de 2026

13 de julio de 2026

29 de junio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible