22 de enero de 2026
Wole Soyinka, figura histórica da literatura mundial, e Lupe Gómez, poeta de culto en lingua galega, protagonizan o recital do 26 de xaneiro no Ágora, nun encontro irrepetible entre dous continentes
O ciclo internacional de poesía Poetas Di(n)versos, organizado polo Concello da Coruña, continúa a súa décimo sétima edición cun recital excepcional que terá lugar o luns 26 de xaneiro, ás 20.00 horas no Centro Ágora. Por primeira vez en case dúas décadas de historia, participará no ciclo un autor galardoado co Premio Nobel de Literatura: o nixeriano Wole Soyinka, unha das grandes figuras vivas das letras universais. Acompañarao a poeta galega Lupe Gómez, autora fundamental da poesía contemporánea en lingua galega.
O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, salientou que "a cidade da Coruña ten a sorte de acoller un encontro literario histórico" e engadiu que "a presenza dun Premio Nobel africano e dunha das autoras máis recoñecidas da nosa literatura reafirma o valor de Poetas Di(n)versos como plataforma cultural de primeiro nivel". Castro destacou tamén que "este ciclo demostra, edición tras edición, que a poesía pode ser un espazo de diálogo entre continentes, xeracións e linguas, aberto a toda a cidadanía".
Pola súa parte, a directora do ciclo, Yolanda Castaño, subliñou que "en 17 anos de PoetasDi(n)versos é a primeira vez que acode un Premio Nobel" e engadiu que "Soyinka anunciou a súa retirada inminente, polo queesta será seguramente a súa última aparición pública en España".
Poetas Di(n)versos mantén o seu formato habitual, con recitais mensuais entre outubro e xuño nos que dialogan unha voz galega e outra internacional. O ciclo é hoxe unha referencia consolidada na programación literaria do país e desvela a súa programación trimestre a trimestre.
Wole Soyinka (Nixeria, 1934) foi o primeiro africano en recibir o Premio Nobel de Literatura, en 1986. Poeta, dramaturgo, narrador e ensaísta, publicou máis de corenta obras e recibiu recoñecementos académicos e culturais de ámbito mundial. A súa obra abrangue títulos como O león e a xoia, A morte e o cabaleiro do rei, Idanre, A terra de Mandela e outros poemas ou Cánticos para unha pira anunciada (2024), estreado en Abu Dabi e Ibadán. Actualmente imparte docencia na Universidade de Nova York en Abu Dabi e mantén unha intensa actividade intelectual e cívica.
Lupe Gómez (Fisteus, Curtis, 1972) é poeta, narradora e xornalista. Licenciada en Ciencias da Comunicación, é autora dunha obra ampla e diversa, traducida a varias linguas e distinguida con premios como o Miguel González Garcés, o da Crítica Española, o Rosalía de Castro ou o Carlos Oroza. Entre os seus títulos máis recentes figuran Herbario da noite pecha (2024) e A pintora. Caixóns de auga malva (2025). O seu estilo, profundamente persoal e comprometido coa identidade e a memoria, converteuna nunha das voces máis recoñecidas da literatura galega actual.
A sesión de xaneiro dará comezo á programación do primeiro trimestre do ano, que incluirá tamén os recitais previstos para febreiro e marzo. Como é habitual no ciclo, cada cita reúne unha voz galega e unha internacional, consolidando este espazo como unha das principais plataformas poéticas da Península.
As próximas datas serán:
O ciclo, impulsado polo Concello da Coruña, conta coa dirección literaria de Yolanda Castaño e mantén a súa sede habitual no Auditorio do Centro Ágora, consolidándose como un espazo estable, accesible e de prestixio para o encontro coa poesía.
A entrada aos recitais é libre ata completar aforo.

21 de enero de 2026

19 de enero de 2026

18 de enero de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible