21 de febrero de 2019
A edil Silvia Cameán salienta os bos resultados que está a dar unha “iniciativa pioneira que dá unha resposta educativa integral para a mocidade” e para a que se amplían no presente curso os recursos, xa que se multiplican por 15 as horas de atención
A Concellería de Xustiza Social e Coidados chegou no pasado ano a 333 menores a través do programa Educación en Rúa, unha iniciativa que creceu no 2018 ata duplicar o seu alcance de intervención nos barrios. Se no primeiro ano de implantación o programa atendeu a un total de 109 mozos e mozas co obxectivo previr condutas de risco que poden derivar en hábitos non saudables e evitar así conflitos no ámbito comunitario, no seu segundo curso acadou os 333, dos cales 215 foron homes e 118 mulleres. O programa busca achegarse á mocidade que emprega a rúa como espazo de ocio a través do traballo de equipos específicos de educadoras sociais e céntrase en tres zonas da cidade, como son Labañou/Os Rosales/Mariñeiros, Monte Alto e Cidade Vella e Monelos e Elviña.
A edil responsable de Xustiza Social, Silvia Cameán, resalta os bos resultados que está a acadar un "programa pioneiro de traballo coa mocidade mediante o que se pretende dar resposta ás desigualdades e conflitos que sofren os e as menores na nosa cidade, axudándoas a que se respecten os seus dereitos independentemente da súa situación económica, social ou cultural". Tal e como indica a concelleira, o traballo iniciouse en 2017 cun achegamento aos barrios e unha diagnose inicial da situación que se puido ampliar no pasado ano con sete obradoiros de intervención específicos para a mocidade "que permitiron un maior acercamento ás problemáticas e necesidades dos e das menores, así como un achegamento destes aos centros cívicos". Os equipos de educadoras sociais desenvolven un labor de acompañamento socio-educativo a pé de rúa "que serve para detectar casos de menores en situación de vulnerabilidade social ou de absentismo escolar, ao tempo que se avanza na prevención de riscos xa que se lles dá ferramentas para a resolución dos seus conflitos e se traballa no ámbito comunitario para sensibilizar sobre as dificultades e problemáticas da mocidade". "A educación en rúa trata de entender cales son as razóns polas que se xeran desigualdades e conflitos sociais para intentar dar unha resposta educativa integral axustada ás problemáticas que viven no espazo público", explica Cameán. Estes equipos realizaron durante o pasado ano un total de 333 entrevistas das que a maior parte corresponden a persoas participantes de Labañou e Os Rosales, cun 44%, e de Monte Alto e da Cidade Vella, cun 41%, mentres que a área de Monelos representou o 15% das mesmas.
Para o curso actual, o programa planifica unha fase de inmersión onde o prioritario é aportar ferramentas para evitar condutas de risco tanto para a mocidade como para a comunidade. Con este obxectivo, Educación en Rúa multiplica por 15 as horas de atención do programa e pasa de 200 a 3.332 horas. A maior parte deste tempo, arredor do 80%, empregarase para facer traballo de campo nos barrios, "de maneira que tres equipos de educadoras sociais traballarán na rúa catro días á semana", indica a concelleira. Nesta fase intensifícanse tamén os obradoiros grupais de intervención socio-educativa cos e coas menores coas que se realizou un achegamento na rúa que teñen coma fin previr as condutas de risco máis notables que se detecten e que contan con profesionais especializados en distintas temáticas como xénero e sexualidade, saúde e consumo ou intelixencia emocional. As 224 horas restantes adicaranse ao traballo de planificación do programa.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible