18 de abril de 2025
A primeira sesión realizarase este luns, 21 de abril, con Alberto Blanco e Xosé Luís Mosquera Camba
O último trimestre da 16ª edición do ciclo Poetas Di(n)versos traerá á Coruña voces de América, Asia e África ao carón das galegas. Tres novas citas coa mellor poesía en galego e en calquera outra lingua do mundo que poderán seguirse un luns ao mes ás 20.00 horas, no Auditorio do Centro Sociocultural Ágora e con entrada gratuíta ata completar a capacidade. "O Goberno de Inés Rey promove este ciclo de tan alta calidade, que achega á cidadanía o mellor da poesía nacional e internacional e permite encher os espazos municipais de actividade", sinala o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
As sesións deste trimestre primaveral serán os días 21 de abril, 19 de maio e 23 de xuño. A primeira, este mesmo luns 21, contará coa presenza de Alberto Blanco (México) e Xosé Luís Mosquera Camba (Guísamo), dúas voces que teñen en común a súa veteranía e o seu vínculo profesional co campo plástico. Por outra banda, o luns 19 de maio será a quenda de Subhro Bandopadhyay (A India) e Natalia Alonso (Foz), cunha poesía que trata de maneira delicada a linguaxe xa sexa en galego ou bengalí. Pecharán esta edición número 16 do certame David Odiase (Nixeria) e Lúa Mosquetera (Miño), dúas voces mozas, e por veces próximas ao spoken word, que contan nos seus poemas historias con rabia ou tenrura, tratando de mudar estereotipos.
O ciclo de lecturas públicas Poetas Di(n)versos está fundado e dirixido pola poeta e xestora cultural Yolanda Castaño -recoñecida o pasado ano co Premio Nacional de Poesía- e conta co apoio do Concello da Coruña. O ciclo continúa a ser unha cita de referencia única en España pola súa regularidade, diversidade e alta calidade literaria. Todas a lecturas ofrecerán folletos coleccionables coas biografías e poemas das persoas convidadas e emitiranse igualmente por streaming.
Alberto Blanco e Xosé Luís Mosquera Camba
Alberto Blanco (Cidade de México, 1951) é escritor, músico e artista visual. Igual de ecléctica é a súa formación académica, que xunta estudos de Química e Estudos Orientais especializados na área da China.
A súa produción literaria atinxe máis de setenta obras, contando o xénero poético, o ensaio (sobre todo no eido das artes plásticas) e a tradución. Como poeta ten publicados máis de trinta títulos en México e son varias as antoloxías que recollen a súa obra, entre as que destaca 'Amanecer de los sentidos' (1993).
Entre o seu primeiro libro, 'Giros de faros' (1979), e o máis recente, a nova edición de 'La hora y la neblina' (2018), transcorren trinta anos de impecable traxectoria na que recibiu premios tan prestixiosos como o Premio de Poesía Carlos Pellicer (1988) por 'Cromos' ou o Premio Xavier Villaurrutia polo primeiro volume da súa poética (que consta de tres libros), 'El canto y el vuelo'.
O seu traballo foi traducido a máis dunha vintena de linguas, e como tradutor foi recoñecido co Premio Afonso X o Sabio á excelencia na tradución literaria, outorgado pola Universidade Estatal de San Diego en 2002.
Pola súa banda, Xosé Luís Mosquera Camba (Guísamo, 1961). É un escritor e artista visual que crea unha linguaxe simbólico-poética a través das colaxes. Con formación en Historia da Arte, na que se doutorou en 2004, exerce como docente no ensino público e é unha das voces máis libres da poesía galega, sempre híbrido entre a linguaxe poética e a plástica.
O seu primeiro libro publicado foi 'A tensa calma da catapulta' (2003). Despois virían 'Nadja c'est moi', que recibiu o Premio de Poesía Concello de Carral en 2008, ano no que o seu poemario 'Amebas' acadou o accésit do prestixioso premio Esquío de Poesía. Co libro de poemas 'Das árbores tropicais e do amor' gañou por segunda vez o Premio de Poesía de Carral en 2018.
A este libro seguirían títulos como 'A traxedia da arquitectura' e 'Parhelio', ambos os poemarios galardoados no mesmo ano, 2021, en certames da máxima relevancia no país, como son o Xosé María Díaz Castro e o Fiz Vergara Vilariño.
'Trece maneiras de mirar un almanaque' (2025) é o seu poemario máis recente e foi merecedor do XXVII Premio de Poesía Johán Carballeira. No ano 2007 editou en formato blog o híbrido poesía/colaxes 'Biolencia'.

14 de diciembre de 2025

13 de diciembre de 2025

12 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible