30 de abril de 2026
A competición reunirá na cidade a algúns dos deportistas nacionais e internacionais máis destacados da disciplina, que se medirán nun total de nove probas
Hoxe tivo lugar no Real Club Náutico da Coruña a presentación oficial do Campionato de España de Windsurfer, que se realizará por vez primeira na cidade, entre os días 1 e 3 de maio, e que congregará a máis de 60 regatistas nacionais e internacionais (con participantes de Francia, Italia, Portugal e Australia).
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, acudiu ao acto en representación da alcaldesa, Inés Rey, e celebrou o novo abanico de posibilidades que esta cita abre para a cidade. "O windsurf é un deporte en alza que supón un atractivo crecente para as zonas costeiras. Unha vez máis, demostramos que A Coruña está aberta ao mundo e que ten moitísimo para ofrecerlles a este tipo de encontros internacionais de primeiro nivel", subliñou Vázquez.
A competición estará composta por un total de nove probas, incluirá unha de longa distancia que percorrerá a totalidade da ría, e estruturarase en dous campos de regata, un deles situado na zona de Bastiagueiro para as probas curtas, o que lle permitirá á cidadanía seguilo desde terra.
"Ademais do prestixio e da proxección, estes eventos ofrécenlle ao público xeral entretementos alternativos e serven para dar a coñecer disciplinas diferentes e miradas renovadoras e dinámicas no deporte. Por iso os coruñeses e coruñesas os recibimos sempre cos brazos abertos", engadiu o concelleiro.
O Real Club Náutico da Coruña terá unha ampla representación no torneo, con ata sete regatistas locais competindo. Ademais, a cita contará con algúns e algunhas dos deportistas máis destacados desta disciplina, como o actual campión nacional, Joan Roig, ou Pilar Prieto e Eduardo Navarro, entre outros. O domingo 3 de maio, terá lugar a entrega de medallas, que será o colofón dun dos eventos de windsurf de maior alcance nacional.

30 de abril de 2026

28 de abril de 2026

27 de abril de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible