14 de octubre de 2020
A alcaldesa participou esta tarde na presentación dos XXIX Xogos Florais de María Pita, en que a vida e obra da coruñesa servirán de inspiración no certame poético cando se cumpren 50 anos da súa morte
A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta tarde a 29 edición dos Xogos Florais de María Pita nun acto ao que asistiron o mestre-presidente da Real Orde de Cabaleiros de María Pita, José Enrique Duarte; o director do hotel Hilton, Richard Huerta; e a poeta Yolanda Castaño, que presidirá o xurado do certame literario e conducirá a gala de premios o vindeiro 27 de novembro no Teatro Colón.
A rexedora sinalou que, nesta entrega, os xogos recordarán a figura de María Barbeito, no 50 cabodano da súa morte: "A coruñesa que centrifugou as letras e a pedagoxía nunha época en que dificilmente se podían dar pasos cara adiante, recibirá unha grande homenaxe das e dos seus paisanos nun momento en que a educación debe ser abordada con tanta paixón como a que desbordou ela".
Rey destacou a defensa que realizou en prol do noso idioma como fonte de riqueza persoal e colectiva e convidou a cidadanía a que participe no concurso poético con pezas inspiradas no feminismo e no espírito reivindicativo de María Barbeito, na súa vocación docente ou na súa idea dunha escola única e pública, "unha cuestión que compartimos desde este Goberno local, igual que a súa loita por conseguir a emancipación e a independencia da muller. Coruñesas coma Barbeito, Juana de Vega, Pardo Bazán, María Pita ou Concepción Arenal deben estar sempre no noso imaxinario porque, grazas a elas, o noso mundo é máis amable e respectuoso".
José Manuel Duarte recordou que o certame ten dúas categorías (sénior e xuvenil) e agradeceulle a Beatriz Martínez, a neta da homenaxeada, a súa estreita colaboración para facer posible esta edición.
Pola súa parte, a escritora Yolanda Castaño afirmou que este galardón permite visibilizar figuras da historia coruñesa e recuperar a súa memoria co fin de que non queden como meros nomes baleiros xa que moitas veces "soan máis polo nome que pola súa traxectoria".
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible