19 de mayo de 2021
O concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, destacou as claves da campaña turística “A Coruña: Soña en Atlántico” e explicou o Plan de sustentabilidade que o Goberno de Inés Rey desenvolveu co obxectivo de que o turismo avance cara a ese destino
O concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, presentou este mediodía en Fitur a campaña turística "A Coruña: Soña en Atlántico", para promocionar a cidade como destino turístico sustentable e de calidade.
O concelleiro sinalou que desde o turismo tamén se pode avanzar cara á sustentabilidade: "O Goberno local que dirixe a nosa alcaldesa Inés Rey entende que o desenvolvemento da Coruña como destino sustentable constitúe un proceso integrador que inclúe os responsables públicos do destino, da cidadanía, as súas empresas, os mecanismos de promoción do destino e a comunicación cos turistas".
Explicou o Plan de sustentabilidade que o Concello da Coruña desenvolveu co obxectivo de orientar as accións e políticas turísticas do destino, así como para xerar sinerxías entre as empresas locais que favorezan a posta en marcha de experiencias e produtos sustentables, que fomenten o uso respectuoso do patrimonio natural e cultural da cidade". Borrego destacou o apoio do Executivo local ao sector turístico a través de axudas directas ás axencias de viaxes, un convenio firmado con Hospeco para apoiar o sector da hospedaxe e a creación de Agasalla, un programa en liña para dinamizar bonos regalos e experiencias turísticas na cidade. Tamén presentou A Coruña Convention Bureau, o ente que impulsará o turismo MICE, "unha entidade da que non só estamos orgullosos polo seu nacemento, tamén porque nace desde o sector privado coa unión de varias empresas e asociacións e que conta co apoio do sector público para o seu impulso".
O turismo náutico tamén foi un dos piares na presentación de Fitur 2021. O edil lembrou que A Coruña "xa era un destino atractivo para os cruceiros que facían escala no noso porto, pero queremos ir máis alá para lograrmos ser a capital atlántica da que falamos". Así, Borrego explicou que o Concello "aposta polo deporte do noso litoral, con especial énfase no surf, pero tamén coa vela e as amplas posibilidade que ofrece A Coruña para este deporte, e coas traiñeiras que volverán ser protagonistas a primeira fin de semana de xullo coa V Bandeira Cidade da Coruña".
O Camiño Inglés tamén formou parte da presentación da delegación coruñesa en Fitur. "A Coruña ofrece a magnífica oportunidade de completar a peregrinación cos 75 km que a separan de Santiago de Compostela sumando outros 25 km no país de orixe para poder obter a compostelana", dixo Borrego, e lembrou a posta en marcha do primeiro albergue público de peregrinos/as na cidade, grazas ao acordo entre o Concello da Coruña coa Xunta de Galicia. Para rematar, fíxose alusión á gastronomía coruñesa "que impulsamos a través de varios eventos consolidados ao longo do ano como son as Xornadas Lacónicas, as Tapas Picadillo, Boucatise ou o Festival SAL de Sabores Atlánticos". Tamén se presentou a nova marca para actividades gastronómicas e de ocio, Territorio Atlántico, en que se pon de valor "o produto de proximidade da Reserva da Biosfera e que este mes, até o día 30, podemos desfrutar nas Xornadas Gastronómicas con motivo do centenario de Emilia Pardo Bazán, baseadas nos receitarios de dona Emilia".
A presentación retransmitiuse en streaming a través da web do Concello da Coruña, co obxectivo de que a cidadanía coruñesa puidera seguir en directo as claves desta exhibición en que se puxeron de relevo os atractivos da cidade herculina.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible