7 de septiembre de 2026
As obras seleccionadas formarán parte dunha exposición durante o congreso, que se celebrará na Coruña do 21 ao 23 de outubro
A convocatoria “Arte y Justicia en la era de los datos” está aberta a artistas, estudantes e persoas creadoras maiores de 14 anos e conta con tres categorías
O prazo para participar no concurso artístico "Arte y Justicia en la era de los datos", organizado no marco do DATAfórum Justicia 2026, entra nos seus últimos días. As persoas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro martes 15 de setembro.
A iniciativa forma parte da programación do DATAfórum Justicia 2026, que se celebrará na Coruña os días 21, 22 e 23 de outubro, organizado polo Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, en colaboración co Concello da Coruña e a Universidade da Coruña.
O concurso busca incorporar a creación artística ao debate arredor dos grandes retos que afrontan a xustiza e a sociedade nun contexto marcado pola dixitalización, os datos e a intelixencia artificial. As obras poderán reflexionar, entre outras cuestións, sobre a evolución dos dereitos fundamentais, a memoria e os arquivos como instrumentos de verdade, o impacto da tecnoloxía nas liberdades ou os desafíos asociados á dixitalización da sociedade.
Tres categorías e catro disciplinas artísticas
A convocatoria está dirixida a artistas visuais, estudantes, persoas creadoras emerxentes e profesionais de calquera nacionalidade, que poderán concorrer de maneira individual ou colectiva sempre que sexan maiores de 14 anos.
Establécense tres categorías: xuvenil, para participantes de 14 a 18 anos; adulta; e persoas maiores de 14 anos con discapacidade acreditada. As disciplinas admitidas son pintura, fotografía, escultura e arte dixital. As bases especifican que non se admitirán propostas realizadas exclusivamente mediante intelixencia artificial.
Seleccionaranse dez obras por categoría para formar parte da exposición oficial do DATAfórum Justicia 2026 e, entre elas, escolleranse as propostas gañadoras. As obras seleccionadas tamén se incorporarán ao catálogo dixital da exposición e terán difusión a través das canles do evento.
Na categoría adulta e na de persoas con discapacidade, os premios económicos ascenden a 1.500 euros para a obra gañadora, 750 para a segunda clasificada e 375 para a terceira. Na categoría xuvenil, os premios consistirán nunha tableta gráfica valorada en 1.000 euros, unha PlayStation 5 valorada en 500 euros e unha Nintendo Switch valorada en 300 euros.
Presentación telemática ata o 15 de setembro
A participación realízase de maneira dixital a través da web oficial do DATAfórum Justicia, onde están dispoñibles as bases e os formularios correspondentes:
Información e inscrición no concurso "Arte y Justicia en la era de los datos"
Para garantir o anonimato e a obxectividade durante a valoración, é necesario completar dous formularios diferenciados: un destinado á presentación anónima da obra e outro para facilitar os datos persoais da persoa participante. É imprescindible completar ambos para que a candidatura sexa válida. O xurado valorará a calidade artística e técnica, a relación da proposta cos eixos temáticos, a orixinalidade e a súa viabilidade expositiva.
O 15 de setembro pecharase a recepción de propostas e o fallo do xurado está previsto para o 1 de outubro. As obras seleccionadas exhibiranse posteriormente na Coruña coincidindo coa celebración do DATAfórum Justicia 2026, do 21 ao 23 de outubro.
O DATAfórum Justicia consolidouse como un espazo de referencia para o diálogo arredor dos datos, a tecnoloxía e a innovación aplicados ao servizo público da Xustiza. Na súa quinta edición, A Coruña acollerá representantes institucionais e profesionais dos ámbitos xurídico, tecnolóxico, académico e empresarial para abordar cuestións como a intelixencia artificial, a ciberseguridade, os dereitos fundamentais, a innovación pública e o impacto social da tecnoloxía.

5 de septiembre de 2026

31 de julio de 2026

20 de julio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible