13 de agosto de 2025
Hoxe adxudicáronse os contratos de dez lotes formativos, que se impartirán ata finais do vindeiro ano 2026
Este mércores deuse un novo paso adiante de cara á posta en marcha dos itinerarios formativos incluídos no programa Éfeso Coruña, unha iniciativa coa que o Concello busca mellorar a inserción sociolaboral na cidade e, máis especificamente, en distritos onde hai unha taxa de desemprego máis acusada, como a Sagrada Familia, Os Mallos e Labañou.
"A posta en funcionamento do programa Éfeso é posible grazas ao traballo das e dos profesionais dos servizos municipais, que permitiu captar fondos do Fondo Social Europeo Plus e, desta forma, darlle continuidade á estratexia que xa seguimos no seu momento co programa Coruña Suma", dixo a alcaldesa, Inés Rey.
Neste sentido, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a adxudicación de dez lotes formativos por valor de máis de 750.000 euros e que se impartirán ata finais de 2026. Os módulos están orientados á formación no eido sociosanitario, actividades auxiliares en materia comercial e tamén na hostalaría, así como no sector da Administración xeral. "Falamos de sectores nos que se detectan necesidades de persoal e que, polo tanto, precisan traballadores e traballadoras cualificados", razoou a rexedora.
A estimación do Concello é que o proxecto Éfeso contribúa á formación de máis de 700 persoas. Moitas delas, mulleres en risco de exclusión social e que contan con diferentes trabas para se achegaren ao mundo laboral. O perfil de posibles demandantes tamén inclúe persoas desempregadas de longa duración ou maiores de 45 anos, mais tamén persoas estranxeiras ou nacionais con baixo nivel de estudos ou procedentes de contornas vulnerables.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible