13 de maio de 2025
Esta competición, que conta co apoio do Concello, atraerá a 47 clubs de toda a comunidade
As pistas universitarias da UDC, en Elviña, acollerán esta fin de semana o importante Campionato Galego de Atletismo de clubs para as categorías Sub20 e Sub16. Esta competición conta co apoio do Concello e contará cos principais clubs da nosa comunidade. "Desde o Goberno de Inés Rey buscamos que as grandes competicións a nivel galego se celebren na nosa cidade, apostando deste xeito polo deporte en todas as súas disciplinas e aproveitando as sinerxías que temos con entidades como a UDC", indicou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes.
O campionato arrincará o sábado 17, día das Letras Galegas, e nel tomarán parte os equipos da categoría Sub16 na que o Atletismo Narón en mulleres e a Sociedad Gimnástica de Pontevedra en homes estarán defendendo o título logrado o ano pasado nas mesmas instalacións coruñesas.
Xa para a xornada do domingo, a partir das 10.00 horas, será o momento para os equipos participantes no campionato Galego Sub20 na que novamente a Gimnástica en homes será o equipo a bater xunto ao Ourense Atletismo na categoría feminina, gañadores ambos da pasada edición.
En total pasarán polas instalacións universitarias coruñesas preto dun milleiro de atletas en representación de 47 clubs clasificados e procedentes de toda a comunidade.
Segundo Manuel Vázquez, a disputa destes torneos na cidade supón tamén un "impulso para os nosos clubs, que lles permite competir ao máximo nivel sen ter que desprazarse".
16 de xuño de 2025
16 de xuño de 2025
15 de xuño de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible