30 de marzo de 2026
As actividades celebraranse o sábado 11 e domingo 12 de abril e a inscrición para os obradoiros xa está aberta
A mostra 'Auga e soño', de Antón Patiño, porá fin á súa estadía na sala de exposicións municipal de Palexco a fin de semana do 11 e 12 de abril con dúas actividades de clausura para todos os públicos. Trátase de dous obradoiros familiares e unha visita guiada co autor. "Esta iniciativa busca achegar á cidadanía a obra de Antón Patiño, un dos artistas contemporáneos galegos máis relevantes, e cuxo traballo desde o Goberno de Inés Rey quixemos traer á cidade", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Nos obradoiros para familias 'Garabatos estratigráficos', proporanse unha serie de xogos creativos que partirán dos conceptos e formas desenvolvidas polo artista. Explorarase así un concepto expandido do debuxo que levará ás persoas participantes a experimentar con pigmentos, olores, formas, ritmos e cores para acadar unha peza artística única e persoal que levarán de recordo. Os obradoiros están dirixidos a nenos e nenas a partir de 5 anos, que deberán estar acompañados por unha persoa adulta. Serán o sábado 11 e domingo 12 de abril ás 12.00 horas e terán unha duración de 60 minutos. Xa é posible reservar praza escribindo ao correo electrónico ludidactica@gmail.com.
Por outra banda, o sábado 11 ás 18.00 horas levarase a cabo unha visita comentada que ofrece unha introdución accesible ás ideas principais da exposición. Explicarase como Antón Patiño crea o seu propio vocabulario visual -baseado en signos e símbolos recorrentes-, como emprega a pintura como materia en movemento, e como concibe o cadro como un espazo frontal, aberto e cargado de significado. Un percorrido que axuda a comprender de maneira sinxela a forza expresiva, simbólica e conceptual da súa obra recente. A entrada será libre, por orde de chegada ata completar a capacidade da sala.
'Auga e soño' é unha exposición individual de Antón Patiño composta por trinta obras de gran formato realizadas polo artista nos dous últimos anos, estruturadas en secuencias cromáticas e narrativas que propoñen un contorno visual envolvente. A disposición dos lenzos no espazo, combinada con intervencións directas sobre o chan e dúas pezas audiovisuais, constrúe unha experiencia perceptiva intensa e inmersiva, característica do universo simbólico do artista. A mostra formula un diálogo entre as obras e o espazo expositivo, invitando á reflexión sobre a materia pictórica, os signos-raíz, a memoria e a construción de territorios emocionais.
Antón Patiño é un pintor que encontra, expresa e constrúe o seu propio vocabulario para comunicarnos a súa maneira de ver o mundo. Para el, a pintura ten unha relación moi directa coa natureza; preto da terra, en contacto coa materia, coas mans manchadas con pigmentos naturais e coas texturas da paisaxe.

30 de marzo de 2026

29 de marzo de 2026

29 de marzo de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible