16 de enero de 2025
Entre os autores en galego –todos de máxima actualidade– o próximo luns participará o primeiro chegado de fóra das fronteiras administrativas de Galicia, recente gañador do Premio Afundación
Os meses de inverno traerán ao ciclo coruñés poetas do maior renome de Suíza, Arxentina e Angola a recitar no Ágora en romanche, español e portugués
Ininterrompido dende que botara a andar a súa 16º edición anual o pasado outubro, Poetas Di(n)versos desvela agora a que será a súa programación para os meses de xaneiro, febreiro e marzo. Tres novas citas coa mellor poesía en galego e en calquera outra lingua do mundo que poderán seguirse un luns ao mes ás 20.00 horas, no Auditorio do Centro Sociocultural Ágora e con entrada gratuíta ata completar capacidade. "O Goberno de Inés Rey promove este ciclo de tan alta calidade, que achega á cidadanía o mellor da poesía nacional e internacional e permite encher os espazos municipais de actividade", sinala o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
Serán os días 20 de xaneiro, 24 de febreiro e 31 de marzo, e participarán algunhas das voces máis recoñecidas da poesía romanche, arxentina e angolana a carón de voces de absoluta actualidade en lingua galega, todos con novas entregas poéticas baixo o brazo.
A primeira das citas chegará xa este vindeiro luns, reunindo dúas poéticas escritas en variedades dialectais de linguas minorizadas. Se a suíza Jessica Zuan cultiva versos na variante puter da lingua retorrománica (tamén coñecida coma romanche), o asturiano Miguel Rodríguez Monteavaro faino nun galego falado fóra de Galicia, en Asturias. Con eles -entre outros galardóns- gañou ela o último Premio de literatura dos Grisóns e el o Premio de Poesía Afundación, un dos máis prestixiosos do panorama galego e que recaía por vez primeira nunha voz externa ás nosas fronteiras administrativas.
O mes que vén reuniranse no Centro Ágora unha das autoras máis valoradas na poesía arxentina contemporánea, María Negroni, a carón da poeta e xornalista rianxeira Noelia Gómez. Se a segunda publicaba hai poucas semanas 'Desenfoque' baixo o coidado selo de Apiario, a primeira tamén viña de sacar 'La idea natural' en Acantilado.
O último día de marzo recitarán Ondjaki e Séchu Sende. O multipremiado poeta e narrador luandés é un dos autores de maior repercusión e proxección internacional de Angola e reside hoxe no Brasil, mentres que o escritor, sociolingüista e regueifeiro padronés Séchu Sende vén de romper un silencio poético duns 15 anos ao publicar na Chan da Pólvora Passa-montanhas.
O ciclo de lecturas públicas fundado e dirixido pola poeta e xestora cultural Yolanda Castaño -recoñecida o pasado ano co Premio Nacional de Poesía- continúa a ser unha cita de referencia única en España pola súa regularidade, diversidade e alta calidade literaria. Todas a lecturas ofrecerán folletos coleccionables coas biografías e poemas das persoas convidadas e emitiranse igualmente por streaming.

18 de diciembre de 2025

18 de diciembre de 2025

17 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible