Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de febreiro de 2021

Inés Rey celebra que se deran os primeiros pasos necesarios en 18 anos para desbloquear o tren a Langosteira e a débeda do Porto

A chamada ao diálogo da alcaldesa permítelle á Autoridade Portuaria unha moratoria no pago da súa débeda até 2035 e abre a porta para que a conexión ferroviaria con Punta Langosteira se financie con fondos europeos A primeira reunión das Administracións implicadas na planificación portuaria finaliza en María Pita co compromiso de todos os actores de presentaren nun prazo de seis meses un acordo que substitúa os convenios do 2004

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, celebrou a consecución dos primeiros pasos necesarios para desbloquear o tren a Langosteira e a débeda do Porto. As persoas representantes das seis administracións e organismos públicos implicados no plan para a construción do porto exterior e na reordenación da fachada marítima asistiron hoxe en María Pita á reunión convocada por Inés Rey. Trátase do primeiro encontro en 18 anos de todos os actores vencellados ao proxecto, unha reunión en que a alcaldesa acadou o compromiso do secretario do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Sergio Vázquez Torrón; do director de Puertos del Estado, Francisco Toledo; da presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera; da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez; do presidente da Diputación, Valentín González Formoso; e do presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, de colaboraren para acadar un gran pacto que garanta a construción do enlace ferroviario a Langosteira, a reordenación da fachada marítima respondendo aos intereses públicos e o alivio da débeda que pesa sobre a Autoridade Portuaria.

Tras finalizar a reunión, a alcaldesa destacou os acordos alcanzados que lles permitirán traballar nun proxecto de cidade bloqueado desde hai máis dunha década.

Inés Rey anunciou o compromiso do Estado sobre a captación de fondos europeos para a conexión ferroviaria a Punta Langosteira, unha vez se valide o informe de viabilidade económica enviado pola Autoridade Portuaria a Puertos del Estado o pasado venres. Ademais, a rexedora anunciou tamén a prórroga da Declaración Impacto Ambiental do proxecto ferroviario, que seguirá vixente dous anos máis para facilitar a licitación da conexión en tren.

Rey tamén avanzou a moratoria até o 2035 para o pago por parte da Autoridade Portuaria da débeda de 200 millóns de euros contraída por dito organismo con Puertos del Estado para a construción de Langosteira. As xestións levadas a cabo permitirán o alivio da situación financeira do organismo que xestiona o porto coruñés, e que afrontaba graves problemas de liquidez vencellados ao pago dese crédito.

A mesa de diálogo convocada por Inés Rey facilitou tamén un acordo unánime para a constitución dunha comisión de traballo, que deberá estar operativa nun prazo dun mes, e que deberá presentar en seis meses un novo protocolo de traballo que permita substituír os convenios asinados no 2004, convenios que tiñan bloqueado o desenvolvemento das actuacións pendentes e que, explicou a alcaldesa,  "xa non son aplicables en todos os puntos". "Nunha data tan significada onde máis que nunca hai que poñer en valor a forza da política e a súa capacidade transformadora para mellorarmos a vida da xente. É máis necesario que nunca facer política con maiúsculas e superar as diferenzas entre administracións para sermos capaces de chegar a acordos".

Rey agradeceu persoalmente a presenza en María Pita de cada unha/un das/dos representantes das Administracións que acudiron á súa chamada, e aplaudiu o compromiso de abrir á cidadanía os peiraos "de forma progresiva e coas mellores garantías, sen afectación aos sectores produtivos, especialmente, á actividade pesqueira".

"Desde o ano 2004 non se sentaban as administracións para falaren e chegaren a acordos sobre o futuro do Porto e da cidade. Unha situación que levaba en punto morto desde entón. Temos a obriga de convertermos o Porto na grande oportunidade que é para o desenvolvemento da economía, para a mellora da calidade urbana e para o futuro da cidade", asegurou Inés Rey.

Noticias de A. G. Alcaldía

Alcaldía

93 resultados

ver máis

Busca na nosa hemeroteca de AG...

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión