Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de agosto de 2022

O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, asinou hoxe os contratos, que ascenden a 1.587.000 euros

As obras de reurbanización de Fernández-Latorre e segunda fase de Alcalde Marchesi comezarán en setembro

As intervencións, cofinanciadas polos fondos Next Generation, recollen o tramo entre a rúa Alcalde Puga y Parga e a glorieta de Ramón y Cajal e a unión entre Ramón y Cajal e A Gaiteira en paralelo ao centro comercial Catro Camiños

O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, asinou hoxe os contratos das obras de reurbanización e humanización da travesía Santiago Rey Fernández-Latorre e da segunda fase de Alcalde Marchesi, actuacións enmarcadas no obxectivo do Goberno de Inés Rey de transformar A Coruña nunha cidade pensada nas persoas, con máis espazos verdes e tramos peonís.

O proxecto de Fernández-Latorre adxudicóuselle por un total de 724.600,25 euros á empresa Vazquez y Reino, SL, cun prazo previsto de sete meses para a súa execución. O proxecto comprende a reurbanización total da rúa, con 5.500 metros de actuación, onde gañará espazo para as e os peóns e ciclistas, quedando cun carril de circulación en cada sentido, o que evitará tamén a dobre fila.

O espazo será utilizado para a creación da vía ciclable e para a ampliación das beirarrúas, que serán accesibles en todos os puntos da avenida. Con estes traballos conectarase a nova rede ciclable coa existente nas rúas Alcalde Puga y Parga e Mariscal Pardo de Cela ou as de Ramón y Cajal e Pérez Ardá, ampliando as conexións da rede actual. Tamén está prevista a colocación de árbores ao longo da vía e a distribución de mobiliario urbano accesible en toda a contorna.

Obras na rolda peonil entre Alcalde Marchesi e A Gaiteira

A ampliación e humanización da rúa Alcalde Marchesi dará continuidade ao tramo actualmente en obras, enlazando Catro Camiños coa Gaiteira, tamén no marco do proxecto da rolda peonil posto en marcha polo Goberno de Inés Rey. A actuación, cifrada en 863.009,22 euros, recolle o tramo entre as rúas Ramón y Cajal e Posse, e a rúa Río Monelos ata o viaduto que atravesa a avenida de Oza.

Esta rolda peonil englóbase dentro do proxecto Coruña Camiña, un proxecto co que o Goberno de Inés Rey busca que A Coruña sexa unha cidade máis saudable e segura, e cunha mobilidade máis sostible, priorizando as e os peóns fronte ao tráfico rodado. Desde o seu comezo, o programa Coruña Camiña executou 35 intervencións cun investimento de 7,5 millóns de euros. Na actualidade, ademais, hai redactadas de cara á súa licitación máis de 40 novas actuacións por máis de 16 millóns de euros.

O Concello avanza deste xeito na renovación e humanización da contorna de Catro Camiños, onde xa remataron os traballos de humanización das rúas Alcalde Marchesi e Primavera, un proxecto que contou co apoio e as achegas da veciñanza e comerciantes da zona.

A sinatura dos contratos, explicou Lage Tuñas, supón a culminación dos trámites previos para o inicio das obras nas dúas rúas. Así, a empresa adxudicataria, ten agora un mes de prazo para comezar coas actuacións previstas, que deberán estar en marcha no vindeiro mes de setembro.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión