Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de marzo de 2020

Guía de actuación para o CIM ante situacións de violencia de xénero con convivencia durante o Estado de Alarma

O concello informa dos pasos que cómpre seguir nestes casos durante a vixencia do Real Decreto 463/2020 do 14 de marzo, e nas súas posibles prórrogas

A finalidade desta guía é unificar a primeira resposta e optimizar a atención das e dos profesionais sociais e da Policía Local nos casos de violencia de xénero con convivencia durante o confinamento. Ante a corentena obrigatoria fixada despois de que for determinado o Estado de Alarma, xorde a preocupación especial por certos grupos de risco e, en concreto, (no que a esta guía se refire), polas mulleres e menores en situación de violencia de xénero que poidan estar confinadas nas súas vivendas cos seus maltratadores. Esta guía pretende unificar criterios en caso de que unha destas mulleres ou menores contacte co Centro de Información ás Mulleres (CIM) para solicitar atención telefónica ou telemática.

É un documento de traballo que se poderá ir adaptando segundo as necesidades e que non limita unha valoración profesional diferente dun caso en concreto.

1. Se a chamada é dunha muller ou menor que estea sufrindo a agresión, nese momento contactará inmediatamente co 091/092/062 (dependendo da aparente localización da/s vítima/s) e, adicionalmente, se for necesario, co correo electrónico sala092@coruna.es polo medio máis rápido posible (procurando non cortar a conexión coa muller) e recabar o máximo de información empezando por ONDE está localizada nese momento.

2. En caso dunha consulta sobre violencia de xénero en xeral, se a persoa que chama é a propia interesada, facilitaráselle a información requirida conforme á práctica habitual do CIM e aos coñecementos profesionais. Terase en conta que se se trata dunha usuaria nova, vanlle preguntar se opta por consulta anónima ou identificada e, neste caso, para os efectos da normativa de protección de datos, pediráselle autorización expresa para tomar os seus datos. Se a resposta for positiva, recolleranse polo menos os seguintes datos: 1. DOMICILIO no que reside (no que está, aínda que estea empadroada noutro sitio), incluído o concello de residencia. 2. Nome completo 3. Número de DNI/NIE/ referencia do seu pasaporte (se non ten NIE) 4. Teléfono de contacto.

Na ficha que se realice da entrevista quedará constancia, baixo dilixencia da funcionaria actuante, de que se proporcionou esa información por teléfono e indicaráselle que os seus datos serán utilizados para a súa atención social e xestión da súa seguridade. Se a persoa usuaria requirise máis información, facilitaráselle a establecida na ficha de protección de datos que habitualmente se manexe e, se for o caso, poderáselle enviar unha copia ao correo electrónico que a usuaria indique.

Se da entrevista se constata que existe (segundo as manifestacións da muller) violencia de xénero e que están compartindo ou se atopan no mesmo domicilio vítima e maltratador, actuarase da seguinte forma: Se a muller/menor fai referencia a sucesos pasados e/ou risco de repetición (sexan físicos, incluídas as agresións sexuais, ou psicolóxicos), a/o profesional escoitaraa activamente, prestaralle no seu caso a atención emocional que demande e informaraa sobre a denuncia e os servizos de garda da quenda de oficio así como da posibilidade de saír do domicilio por causa de forza maior ou situación de necesidade, conforme ao que dispón o real decreto que establece o estado de Alarma.

Se a muller non puider saír do domicilio por si mesma (risco de que a parella o impida), avisaranse as forzas e corpos de seguridade. NESTE CASO, SE A POSIBLE VÍTIMA RESIDISE NO TERMO MUNICIPAL DA CORUÑA, AVISARASE DIRECTAMENTE O PERSOAL DA SALA DO 092, QUE PODERÁ ACUDIR AO DOMICILIO PARA REALIZAR UN INFORME DA SITUACIÓN E GARANTIR A POSIBILIDADE DE QUE A VÍTIMA SAIA DA VIVENDA PARA OS EFECTOS DE PODER ACUDIR A INTERPOÑER A DENUNCIA CORRESPONDENTE. Quedarán en mans dos axentes actuantes outro tipo de medidas, incluída a presentación de persoa detida cando isto proceder. Neste suposto, se desde a Sala non se puider dar resposta, contactarase directamente cos seguintes teléfonos co fin de xestionar a situación: 618800321 ou 629890998.

Se a chamada a realiza unha terceira persoa (amizades, familia, veciñanza, etc.) e ten datos dunha agresión actual, derivarase a chamada ás forzas e corpos de seguridade segundo corresponda (se é no termo municipal da Coruña, 091/092; se é no ámbito rural, 062), e informaráselle da súa obriga de denunciar conforme á lei. Neste contexto, e salvo petición expresa e directa da propia vítima usuaria, NON se lles realizarán chamadas directas ás mulleres que puideren estar convivindo co agresor debido ao risco para elas ao recibírenas en presenza do potencial maltratador. Aínda así, facilitaránselles ás persoas preocupadas as formas de contacto directo para que a muller se comunique co persoal técnico do CIM do xeito máis flexible posible.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión