3 de novembro de 2022
Máis de 200 persoas asistiron ao acto presidido pola alcaldesa e o presidente da Xunta de Galicia
Inés Rey: “Desde hoxe a candidatura da Coruña deixa de ser de cidade para ser de Galicia, representando a toda a comunidade”
A Coruña acolleu esta tarde o acto de presentación da súa candidatura para a sede da Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial, logo da elección do Nodo Galego de Intelixencia Artificial como a opción galega. Ao acto asistiron medio centenar de empresas e máis de 200 persoas, entre as que se atopaban representantes do sector universitario e das principais empresas da cidade e de Galicia. Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da computación e Intelixencia Artificial da UDC, foi a encargada de introducir o acto, no que interviñeron o reitor da UDC, Julio Abalde, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, en representación do sector empresarial e universitario; xunto coa alcaldesa, Inés Rey e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
A rexedora explicou que A Coruña "cumpre todos os requisitos sinalados polo Goberno de España para acoller Agencia de Supervisión de Inteligencia Artificial". Un espazo histórico e singular como é a Terraza, que se suma ao futuro edificio da Cidade das TIC; un ecosistema universitario de referencia, co grao en Intelixencia Artificial e a primeira Facultade de Informática de Galicia; centros de investigación coma o CITIC ou o Hospital Universitario da Coruña, con máis de 50 anos de historia. Inés Rey tamén puxo en valor o puxante ecosistema empresarial. "Case o 60% do volume de negocio no sector privado galego vinculado ás novas tecnoloxías concéntrase na Coruña e a súa contorna sendo o municipio con máis empresas TIC de Galicia, o 25% do total" explicou.
A alcaldesa agradeceu o respaldo unánime da corporación municipal, do sector empresarial e universitario así como das diferentes institucións implicadas. "Desde hoxe a candidatura da Coruña deixa de ser de cidade para ser de Galicia, representando a toda a comunidade." concluíu.
A rexedora recordou tamén que a cidade foi pioneira na comunidade na promoción das novas tecnoloxías, e lembrou que conta ademais con todos os servizos precisos para satisfacer as necesidades da axencia, desde a oferta de vós de Alvedro ata a renovada conexión por ferrocarril co resto da península. Rey destacou tamén que son moitas as empresas que aínda sen pertencer directamente ao sector TIC, empregan a intelixencia artificial nos seus produtos e servizos e son punteiras nos seus respectivos sectores, desde a banca ata a alimentación, a distribución ou o téxtil.
Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quixo transmitir o seu agradecemento a todas as persoas que forman o Nodo GalicIA "o gran esforzo que fixeron para traducir a indicadores obxectivos os criterios xenéricos publicados no BOE. A través da análise pormenorizada e técnico deses parámetros, construímos a que cremos que é a máis forte das candidaturas posibles". O presidente apuntou tamén á candidatura da Coruña como a candidatura galega. "Unha vez culminado o proceso, a candidatura xa non é só da Coruña: é de toda Galicia. Se Galicia gaña, gañamos todos e os beneficios da Axencia non quedarán limitados ao termo municipal da Coruña" concluíu.
Tanto o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, como a catedrática Amparo Alonso e o presidente dos empresarios galegos, Juan Manuel Vieites, destacaron nas súas intervencións o gran potencial da cidade no ámbito das novas tecnoloxías e a privilexiada posición que ocupa Galicia para aspirar a acoller a nova axencia estatal.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible