Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de decembro de 2020

O Concello creará un pulmón verde no espazo do Vixía, en Monte Alto

Coa actuación pretende pór en valor o punto máis alto da cidade de 16.000 metros cadrados, que se destinarán ao lecer e que se acondicionarán en sintonía cos centros que o habitan

O Concello porá en valor o espazo do Vixía, de Monte Alto, despois de lle encargar o proxecto ao grupo de investigación Persoa Ambiente da Universidade, encabezado pola profesora e arquitecta Cristina García Fontán. O Goberno local pretende así reforzar a importancia xeográfica, urbanística e histórica do punto máis alto da cidade onde se descubriron os petróglifos do Polvorín, hoxe conservados no castelo de Santo Antón. Esta obra completaría outras anteriores nun barrio clave que a alcaldesa, Inés Rey, se comprometeu a mellorar: "En Monte Alto acometéronse este ano unha serie de actuacións demandadas pola propia veciñanza para facelo máis accesible e seguro". Desta forma, desde María Pita seguen na liña de crear espazos de convivencia na Coruña, onde a cidadanía sexa a verdadeira protagonista.

Son un total de 16.000 metros cadrados, dos que 6.000 son libres e de titularidade municipal e os outros 10.000, que pertencen ao arcebispado, á Xunta ou ao concello, están ocupados por colexios. Só nos centros situados neste ámbito acoden a clase 868 rapazas e rapaces: 700 teñen entre 3 e 12 anos e 168 son bebés de cero a tres anos. Por esta razón, a arquitecta suxeriu a posibilidade de crear "un monte das nenas e dos nenos", un lugar para o desfrute en que abrir diferentes equipamentos.

Os primeiros pasos están dados. Esta semana o concello presentoulles o proxecto ás persoas responsables das institucións situadas na contorna como a parroquia de San Xosé, a escola infantil Luis Seoane, o CEIP Sanjurjo de Carricarte e o Consorcio Galego de Benestar. A reunión foi moi satisfactoria e todas as persoas presentes coincidiron en destacar a mellora na calidade de vida que suporá a reforma para a que se ofreceron a colaborar. O equipo redactor terá máis encontros coas e cos afectados co fin de ir vendo de que xeito haberá que acondicionar os novos elementos ás infraestruturas do lugar. En marzo, o Concello conta con ter o proxecto xa pechado para o solo que é municipal e un plan director para o resto.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión