Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

  • Compartir
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Cando:

3 de xuño de 2020

O concello exime a hostalaría do pago da taxa das terrazas durante todo o 2020

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou tamén que as persoas físicas e xurídicas do sector servizos quedarán exentas tamén de aboaren a taxa de recollida do lixo no período comprendido entre o 15 de marzo e o 15 de xuño

O Goberno local non lles cobrará ás persoas autónomas e empresarias do comercio e da hostalaría a taxa de recollida de lixo deste trimestre en que a actividade económica estivo paralizada pola pandemia. A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Economía, José Manuel Lage Tuñas, anunciaron esta mañá que tamén quedarán exentas do pago do imposto polas terrazas durante todo o 2020 co fin de lles axudar aos negocios hostaleiros a se recuperaren economicamente.

Tras aprobar a semana pasada o Plan de reactivación económica e social da Coruña (PRESCO) cun investimento de máis de 13,2 millóns de euros, o concello quere reforzar o seu apoio neste ámbito para que as/os comerciantes e hostaleiras/os poidan reactivar a súa economía. Rey considera que "é o momento de apoiar a recuperación da actividade económica, nunha cidade onde o sector servizos, o comercio e o turismo teñen un importante impacto económico". O concello cifra as e os beneficiarias/os destas medidas en 4.743 persoas autónomas, 2.819 establecementos comerciais, 71 hoteis e hospedaxes e 1.853 locais de hostalaría. Seguindo a ordenanza municipal que regula a taxa de terrazas, esta comezarase a cobrar o 11 de xaneiro de 2.021, despois das festas de Nadal e Reis.

A rexedora recordou que desde marzo e durante toda a desescalada determinaron os aprazamentos dos pagos de impostos municipais como o de circulación, o IBI, o IAE, das diferentes taxas municipais, así como do recibo da auga do primeiro trimestre de 2020, que se pospón ao 30 setembro de 2020; o pago de terrazas, que agora se fai extensivo ao resto do ano, e o alugueiro nos centros municipais de empresas.

Lage Tuñas sinalou que para se eximiren do pago da taxa do lixo no período comprendido entre o 15 de marzo e o 15 de xuño, as/os afectadas/os deberán cubrir uns formularios que esperan ter listos antes de que remate esta semana. Os únicos requisitos establecidos son que teñan o seu enderezo fiscal ou centro de traballo na Coruña e que estean dadas/os de alta no Imposto sobre Actividades Económicas (IAE), así como xustificaren o parón económico por se dedicaren a unha actividade non esencial durante o estado de alarma.

Deste xeito, as persoas solicitantes deberán achegar o expediente de regulación temporal de emprego ERTE motivado pola COVID-19, de acordo co establecido no art. 22 do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, ou alegaren que son titulares da prestación extraordinaria polo cesamento das súas actividades.

No caso de persoas xurídicas, beneficiaranse desta medida as microempresas e canto ás persoas físicas, estas deberán desenvolver unha actividade económica a título lucrativo, teren un cadro de persoal medio de empregadas/os inferior a 10 persoas e que o seu activo ou volume de operacións non supere o millón de euros. Pola contra, si terán que aboar o tributo as persoas contribuíntes que teñan a condición de fundacións, as asociacións con ou sen ánimo de lucro e as entidades sen ánimo de lucro. Tampouco poderán demandar a axuda as entidades dependentes ou participadas en máis dun 25% por entidades públicas pertencentes ao sector público, que son as que inclúe o artigo 3 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Entran dentro das actividades exentas do pago da taxa o comercio relacionado con produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro; establecementos especializados en artigos para o equipamento de fogar e a construción; de bens usados como mobles, pezas e utensilios ordinarios de uso doméstico; tendas de instrumentos musicais e de accesorios para estes; as que se dedican á venda de produtos de perfumería, cosmética e para a hixiene e o aseo persoal; de plantas e herboristerías; e os salóns de barbería e os institutos de beleza.

Dentro da hostalaría, poden optar os restaurantes; cafeterías e bares, con ou sen comida; chocolaterías, xeaderías e horchaterías. Canto ás hospedaxes, inclúense hoteis, moteis, hostais, pensións, fondas, casas de hóspedes así como aloxamentos turísticos agrícolas que non estean declarados como actividade complementaria a unha actividade agrícola, gandeira ou forestal; e hoteis apartamentos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión