Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

  • Compartir
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Cando:

14 de maio de 2020

O Concello poñerá en marcha o PRESCO ao día seguinte da aprobación do modificativo, evitando así un mes máis de tramitación

Recorrerá ao artigo 175 da Lei de Facendas Locais na tramitación do Modificativo do Orzamento para aprobar o PRESCO (Plan Reactivación Económica e Social da Coruña). Esta vía posibilitará facer uso dos fondos do modificativo de crédito para poñer en marcha o Plan de Recuperación Económica e Social (PRESCO) ao día seguinte da súa aprobación inicial, evitando así un mes máis de tramitación. A alcaldesa, Inés Rey, aclarou que na sesión que non estivo aberta ao público por motivos de seguridade sanitaria ante a petición do grupo de Marea Atlántica de permitir a entrada a persoal da antiga Alcoa. A alcaldesa recordoulle ao edil da Marea, Alberto Lema, que a decisión foi adoptada por todos os grupos antes do pleno.

O voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, anunciou hoxe na quenda de mocións da sesión plenaria que o Concello recorrerá ao artigo 175 da Lei de Facendas Locais na tramitación do Modificativo do Orzamento para aprobar o PRESCO (Plan Reactivación Económica e Social da Coruña). Esta vía posibilitará facer uso dos fondos do modificativo de crédito para poñer en marcha o Plan de Recuperación Económica e Social (PRESCO) ao día seguinte da súa aprobación inicial, evitando así un mes máis de tramitación. O Concello disporá de máis de 4'4 millóns de euros para o (PRESCO), procedentes do Remanente Xeral de Tesourería do ano 2019, e espera sumar a esa cantidade entre 7 ou 8 millóns máis de partidas reorientadas do orzamento vixente.

Lage anunciou esta decisión durante o debate dunha moción presentada polo PP sobre o plan de apoio á asociacións, autónomas e pemes que foi apoiada por unanimidade. Tamén recordou que o Goberno local está tramitando o adianto das axudas e convenios de entidades sociais, deportivas e culturais.

O Goberno Local respondeu hoxe durante a sesión plenaria, nunha moción presentada polo do BNG e Marea Atlántica sobre a venda da planta de Alu Ibérica, que o seu compromiso co persoal e co futuro da fábrica é total. Segundo a edil de Industria, Eva Acón, o executivo local reclamaralle á Xunta e ao Goberno do Estado medidas para protexer o emprego e a continuidade da actividade económica de Alu Ibérica. Lembroulles que a alcaldesa mantivo unha reunión co comité de empresa onde lle informou de que esixirá información sobre a "dubidosa" venda da planta de Partner, grupo que non cumpriu o acordo inicial asinado, e que a compra por parte dun grupo inversor non semella acreditar garantías de futuro. Tamén lles lembrou que mantivo varias comunicacións coa alcaldesa de Avilés para solicitarlle conxuntamente ao Estado toda a información sobre esta venda.

No debate deste asunto, a alcaldesa, Inés Rey, tivo que aclarar que a sesión plenaria de hoxe non estaba aberta ao público por motivos de seguridade sanitaria ante a petición do grupo de Marea Atlántica de que se lle permitise a entrada ao persoal traballador da antiga Alcoa. A decisión de que fora pechada ao público a sesión foi consensuada por todos os grupos antes do pleno.

Por outra banda, o Goberno local estudará a posibilidade de promover, a través da Oficina Municipal de Dependencia, a creación de comunidades de coidado compartidos de maiores (cohousing). O Concello facilitará o acceso á tecnoloxía e á formación aos maiores para reducir a fenda dixital e favorecer a súa socialización e impulsará o grupo de "Persoas Maiores" dentro do Consello Local de Saúde. Neste mesmo punto da sesión, en resposta a unha moción da Marea Atlántica, a Corporación acordou instar á Xunta a posta en marcha de residencias municipais de proximidade para maiores en colaboración co concello.

concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, agradeceu o labor do persoal voluntario do servizo de Axuda a Domicilio e fixo un reconto de todos os programas sociais postos en marcha desde a súa concellería no Estado de Alarma para facer fronte ás necesidades da veciñanza que se atopa nunha situación mais vulnerable. O Goberno Local anunciou tamén que retomará os trámites iniciados para a eliminación do copago no servizo de Axuda no Fogar. "Para garantir a súa gratuidade é necesario que tanto o Goberno como a Xunta fagan reformas na lexislación", sinalou Neira. Pedirán ademais ao Goberno galego que revise os concertos establecidos coas residencias privadas e que de xeito progresivo incremente as prazas públicas destinadas a maiores.

Noutra das mocións, presentada pola Marea Atlántica, abordouse o convenio de colaboración do Concello coa Deputación e Tragsa para a limpeza viaria por un importe de mais de 600.000 euros. A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, lembroulle a este grupo que o contrato de limpeza, adxudicado á empresa o pasado 27 de febreiro, está recorrido e que, polo tanto, o Plan de Choque de Limpeza non se pode levar a cabo mediante esta empresa. Así mesmo, Fontán asegurou que o plan de choque de limpeza é agora "máis urxente que nunca ante a emerxencia sanitaria na que nos atopamos" e respecto á legalidade do convenio, posta en dúbida por algúns concelleiros da Corporación, queda "acreditada ante o informe favorable do secretario municipal". A moción para instar ao Goberno local a paralizar o convenio de colaboración coa Deputación e Tragsa aprobouse co único voto en contra do grupo de goberno.

A raíz dunha moción de Ciudadanos, o Goberno local estudará a creación dunha tarifa plana para vehículos comerciais na zona ORA cuxo uso sexa imprescindible para o desenvolvemento da actividade profesional, que se incluiría no plan de Mobilidade. Ademais da exención de pago para vehículos de etiqueta CERO e a modificación da ordenanza fiscal que regula a taxa de estacionamento de vehículos de tracción mecánica na vía pública.

O Pleno apoiou a moción de Ciudadanos (emendada polos grupos de Marea e PP) para dotar os hospitais (CHUAC, Materno, Oza, Abente y Lago e o Ventorrillo) de aparcamentos para bicicletas e patinetes privados, e estender esta medida aos Centros de Saúde de Atención Primaria e centros escolares e deportivos.

Abordouse tamén unha moción do grupo do BNG para demandar á Xunta a elaboración dun plan de reactivación económica e social e ao Estado a derrogar a coñecida como Lei Montoro, que restrinxe utilizar o superávit e limita a capacidade de resposta municipal para contratar a persoal. Esta moción foi debatida ao mesmo tempo cunha moción do PP que plantexaba no seu inicio instar ao Goberno a respectar a autonomía das administracións locais. Neste caso o texto foi emendado pola Marea, PSOE e BNG, e finalmente aprobouse instar ao Goberno a facilitar mecanismos que posibiliten unha incorporación rápida de efectivos para lle facer fronte a emerxencia social derivada da pandemia. "Os concellos deben contar con recursos para responder de xeito áxil ás necesidades da veciñanza",apuntou Lage, para o que é necesario "seguir a traballar na maioría de idade das administracións locais". Aprobáronse as dúas cos votos favor de todas as forzas agás PP e Ciudadanos.

A Corporación apoiou a moción do BNG para reclamar á Xunta que estableza un sistema de acceso a luvas e máscaras dun xeito controlado e seguro, e garantindo que chegarán a todas aquelas persoas que o necesiten para o desenvolvemento da súa actividade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión