8 de xaneiro de 2026
Mañá abrirase o prazo de inscrición para as visitas guiadas e os obradoiros previstos o vindeiro sábado 17 de xaneiro
O Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón arrinca a súa programación deste ano con 'A saúde antes de agora', unha viaxe especial á Idade Antiga e á Idade Media, na que se profundará no tratamento da saúde corporal e os seus coidados en séculos pasados. Será o vindeiro sábado 17 de xaneiro, xornada na que hai que prevista unha ampla axenda de actividades.
O día comezará ás 11.45 horas co obradoiro infantil 'Enfermar e sandar no pasado', ideado para nenas e nenos de 6 a 12 anos, con 20 prazas dispoñibles. No transcurso da actividade, a rapazada participante poderá aprender máis sobre os remedios elaborados con plantas e as crenzas especiais que se empregaban para curarse cando non existían médicos nin hospitais como actualmente. Ademais, achegaranse á exposición do museo para observar os restos arqueolóxicos que chegaron ata nós e, xa por último, experimentarán coa elaboración dun remedio caseiro que poderán levar para a casa.
Xa ás 12.00 horas, haberá unha visita guiada, un percorrido concibido para dar a coñecer o contido e a historia do Castelo de San Antón e as diversas seccións do Museo Arqueolóxico e Histórico. Ofértanse 25 prazas para público en idade adulta.
Por último, e en horario de tarde (17.00 horas), haberá outro obradoiro para persoas en idade desde 16 anos. 'Enfermidades: unha ollada ao pasado' propón un percorrido polas diferentes enfermidades que asolaron as diversas sociedades ao longo da historia. Analizarase como eran entendidos o corpo humano e a orixe das enfermidades e das grandes pandemias. Tamén os métodos de curación empregados, rituais e crenzas relixiosas. Xa para rematar, reflexionarase sobre a evolución da medicina e a súa relación coas prácticas actuais.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, convidou a cidadanía a participar nesta primeira programación de temática específica en San Antón neste ano 2026, e subliñou a importancia de que "todas e todos os coruñeses, independentemente da súa idade, coñezan máis polo miúdo un dos principais enclaves patrimoniais e históricos da nosa cidade, que garda moita historia tras as súas portas".
O prazo de inscrición nas actividades abrirase mañá, venres 9, a partir das 10.00 horas. No caso das visitas guiadas, as persoas interesadas en obter praza poderán chamar ao número de teléfono 981 189 850. Xa no referente ao obradoiro infantil e ao de adultos, a reserva pode efectuarse a través da plataforma de ticketing do Concello.
Todas as actividades son gratuítas, con reserva previa.

11 de xaneiro de 2026

10 de xaneiro de 2026

10 de xaneiro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible