Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de decembro de 2020

Rey celebra que Goberno central cumpra coa súa promesa de levar a cabo a pasarela peonil de Pedralonga

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aprobou este mércores o proxecto e a licitación para a construción da pasarela peonil de Pedralonga, unha intervención que supón unha das tres fases da ampliación de Alfonso Molina, cun orzamento de 1,5 millóns de euros

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aprobou este mércores o proxecto e a licitación para a construción da pasarela peonil de Pedralonga, unha intervención que supón unha das tres fases da ampliación de Alfonso Molina, cun orzamento de 1,5 millóns de euros.

A alcaldesa, Inés Rey, entende que a comunicación "constante" co ministerio competente "está dando os seus froitos" e agradece ao Goberno de Pedro Sánchez "esa interlocución que se fai patente coa aprobación este importante proxecto para a cidade".

A rexedora celebra que o Goberno central cumpra coa súa promesa de levar a cabo esta obra "imprescindible" para establecer un itinerario peonil seguro entre os núcleos de Pedralonga e Palavea á altura da ligazón viaria entre a AC-11 e a estrada N-550: "Tras anos de atrasos por parte do Goberno estatal anterior móstrase agora o compromiso do Executivo central socialista coa cidade". Rey lembra que o proxecto contempla tamén a urbanización de viais e beirarrúas e a reposición de servizos afectados, entre eles unha parada de autobús. Na actualidade, a presenza do centro comercial favorece o cruzamento irregular de peóns polos viais da contorna, xerando situacións de inseguridade.

O Goberno do Estado prioriza este proxecto dentro das actuacións previstas na cidade da Coruña por Mitma e incluídas no proxecto de Mellora de capacidade e integración ambiental da Avenida de Alfonso Molina (AC-11). A pasarela deseñada está situada ao Oeste da N-550 e cruza sobre a AC-11 á altura do P. K. 3+550 desta, en dirección Norte-Sur. Ten unha lonxitude de 49,61 m, ancho útil de 3,00 m e varandas laterais. A pendente máxima lonxitudinal é de 6%, cumprindo a normativa vixente en materia de accesibilidade. O tramo sobre a estrada conta con pilas e ramplas laterais de formigón e un van central de 40 m de lonxitude conformado mediante celosía metálica de 4 m de canto. Non será necesario un apoio na mediana da AC-11 para limitar a afección ás condicións de seguridade da estrada. O percorrido peonil complétase no lado Sur cunha segunda rampla que resolve o desnivel entre cálea Lugar Palavea Vella e o aparcamento do centro comercial, na localización da actual escaleira peonil.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión