Concello da Coruña

Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de novembro de 2018

O Concello abre ao público, na casa museo Casares Quiroga, a Oficina de atención ás vítimas da represión, un recurso máis a prol da xustiza e a reparación que nace da man da sociedade civil e a Universidade da Coruña

O goberno local asinou un convenio de colaboración coa UDC para a posta en marcha dunha cátedra de memoria histórica, cuxa actividade xirará en torno á posta en marcha deste espazo, a investigación sobre as demandas que nel se fagan e a divulgación dos resultados destes traballos

A Coruña conta dende hoxe cunha Oficina de atención e asesoramento ás vítimas do franquismo e a represión. Localizada na Casa Museo Casares Quiroga, este novo recurso municipal a prol da xustiza e a reparación nace, ademais de co impulso do actual goberno local, da man da Universidade da Coruña (UDC) e a propia sociedade civil coruñesa, que durante décadas traballou con este obxectivo a través das entidades memorísticas. Así o destacou o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que hoxe presidiu o acto de inauguración deste espazo, xunto ao concelleiro de Culturas, José Manuel Sande. O rexedor manifestou que esta oficina, a primeira destas características que existe en Galicia, bota a andar en base a un convenio asinado entre o Concello e a universidade polo que a administración local contribuirá a financiar, cunha achega anual de 40.000 euros, a nova Cátedra Institucional de Memoria Histórica da UDC. Esta xirará en torno a tres eixos: a apertura da Oficina de Atención ás Vítimas, a investigación a través dun equipo formado por persoal docente e investigador e a divulgación dos resultados deste traballo.

"A Oficina é un recurso máis dentro dun proxecto máis amplo. Aínda hoxe existen voces que, erradamente, insisten en indican que en Galicia non houbo represión, algo que sabemos que non é certo. Do mesmo xeito, tamén hoxe existen moitas familias que demandan información sobre que pasou cos seus e as súas familiares. A oficina vai servir para recoller demandas e achegas a partir das que logo pivotar as investigacións que se leven a cabo a través da cátedra da universidade", comentou o rexedor aos medios de comunicación. A oficina estará aberta de luns a venres mantendo o horario da propia Casa Museo Casares Quiroga, de 11.00 a 13.30 e de 18.00 a 20.00 horas.  

Tanto o alcalde como o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, recordaron que o impulso a esta cátedra e, polo tanto, á Oficina de Atención ás Vítimas, é un chanzo máis dentro do traballo desenvolvido polo goberno local a prol da memoria histórica no que vai de mandato e que se concretou con distintas accións como a adecuación do rueiro á lei de memoria histórica, a integración do Concello da Coruña na rede de Cidades contra a Impunidade, a posta en marcha do Consello da Memoria Democrática, que ten como primeira encomenda facer un estudo sobre a casa Cornide e o apoio dende o Concello as iniciativas en favor da recuperación para a cidadanía de Sada do Pazo de Meirás, hoxe en mans da familia do ditador.

Ademais de coa presenza institucional, o acto de inauguración da Oficina das Vítimas contou coa presenza do reitor da Universidade, Julio Abalde, así como catro mulleres testemuñas e vítimas da represión: Carmen  Seijas, Elvira Varela Bao, Luisa Vázquez e Celsa Cabanela.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión