Concello da Coruña

Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de novembro de 2017

A proposta busca solicitar ao Ministerio de Fomento e Puertos del Estado que impulse e financie a conexión ferroviaria do Porto Exterior, e que dote ao proxecto de suficiente dotación orzamentaria para que as obras se inicien o ano que vén

O goberno local levará ao Pleno unha moción para defender o dereito da Coruña a decidir sobre a planificación e ordenación da súa marxe litoral e portuaria

O executivo municipal instará á Xunta e a Puertos del Estado a negociar co Concello un protocolo de colaboración para a revisión dos convenios de 2004 e do PXOM de 2013, así como constituír, xunto con ADIF, un consorcio público “como forma de participación e xestión do novo horizonte litoral”.

O grupo que sustenta o goberno local presentará no vindeiro Pleno municipal, que terá lugar mañá, luns 6, unha moción que buscará o compromiso e "a adhesión incondicional" da Corporación ao dereito da cidade da Coruña a decidir sobre a planificación e ordenación da súa futura marxe litoral e portuaria. A moción pon de manifesto a "falta de lealdade institucional do Presidente da Xunta de Galicia coa cidadanía da Coruña e cos seus representantes institucionais no Concello", en relación á comparecencia que o pasado 10 de outubro Alberto Núñez Feijoo realizou co titular de Puertos del Estado, José Llorca, "sobre a rectificación da venda de terreos patrimoniais, e na que se evidenciou a intención de apartar ao Concello da Coruña e a súa veciñanza das decisións a tomar no seu borde litoral". "Hai decisións que non se poden tomar nos despachos de Compostela, Madrid ou nun consello de administración onde a cidade apenas ten representación", sinala o executivo municipal, que lembra que "A Coruña, tanto a través do seu goberno como dun número importante de entidades cívicas, está a reclamar desde hai dous anos o seu dereito a decidir, democraticamente, o futuro do conxunto do seu borde litoral".

"O Pleno da Corporación pronunciouse en reiteradas ocasións, por ampla maioría, sobre a necesidade de deixar sen efecto os convenios asinados sobre o destino e os usos dos terreos portuarios, de avaliar a situación actual e a previsión de ordenación dos mesmos, así como a concertación de novas fórmulas de financiamento do Porto Exterior, procurando novas fórmulas de xestión que conxuguen a renovación do borde litoral e a eficiencia das actividades portuarias e económicas en xeral", recolle o documento. Así, e coa finalidade de dar saída á demanda cidadá, o executivo coruñés instará no vindeiro Pleno tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno central a negociar e asinar co Concello un protocolo de colaboración "que teña por obxectivo a revisión dos convenios de 2004, e con ela a do PXOM de 2013, sobre o fundamento e a definición dun novo horizonte litoral e portuario para a cidade baseado na titularidade pública dos terreos, equipamentos dotacionais e espazos libres públicos e usos produtivos portuarios e complementarios". "O protocolo estará destinado a garantir que o novo horizonte litoral non sexa vítima da especulación o a imposición", expón o texto, que á vez propón solicitar a APAC, Puertos del Estado, Ministerio de Fomento, Xunta de Galicia e ADIF constituír, xunto co Concello, un consorcio público presidido polo alcalde da Coruña "como forma de participación e xestión dese novo horizonte litoral no que, o consistorio coruñés teña garantida a participación suficiente para a súa execución".

"Aínda que é o Concello da Coruña a quen lle corresponde liderar o rumbo da cidade, en virtude das súas competencias e da súa natureza como administración de proximidade, a envergadura do desafío que supón a transformación da fronte marítima fai aconsellable emprender un camiño de diálogo e cooperación entre todas as administracións comprometidas co progreso e o desenvolvemento da Coruña, cabeceira dunha importante área metropolitana e motor económico de Galicia", lembra o grupo de goberno local. Por último, o texto que presentará o grupo que sustenta o goberno municipal, solicitará instar, de novo, ao Ministerio de Fomento e Puertos del Estado que impulse e financie a conexión ferroviaria do Porto Exterior de Punta Langosteira e, ao conxunto das administracións competentes, "a incrementar os esforzos na súa plena operatividade, conectividade e promoción internacionais". Así, o executivo municipal solicitará que a execución do proxecto, que xa dispón dunha Declaración de Impacto Ambiental aprobada, "conte coa suficiente dotación orzamentaria para que o comezo efectivo das obras da conexión sexa en 2018".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión