Concello da Coruña

Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de novembro de 2019

O Pleno aproba os cambios fiscais que permitirán que as persoas sen recursos non pague polos servizos básicos

A Corporación leu unha declaración institucional de condena das violencias machistas con motivo da celebración o 25 de novembro do Día Internacional da Non Violencia de Xénero. As concelleiras e os concelleiros mostráronlle o seu apoio ao persoal traballador de Isowat polo peche definitivo da factoría anunciado durante a realización da sesión plenaria. O Goberno local poñerá en marcha a Mesa da Cidade Vella para impulsar o Plan de revitalización do centro histórico.

A Corporación aprobou hoxe, a pesar da abstención do Partido Popular, as modificacións das ordenanzas fiscais que entrarán en vigor en 2020 co obxectivo de lles garantir ás persoas sen recursos o acceso aos servizos básicos. O portavoz do Partido Socialista, José Manuel Lage, agradeceu o apoio de BNG, Marea Atlántica e Ciudadanos e comprometeuse a crear unha Mesa de Traballo para falar das ordenanzas, do aforro e da racionalización do gasto corrente. Lage sinalou que o Goberno local é respectuoso cos logros de anteriores executivos pero "reivindicamos o noso legado" e "a acción do Goberno é agora do PSOE".

O edil socialista lembroulle ao BNG que as súas propostas serán incluídas nos orzamentos porque "se están estudando medidas para aumentar a fiscalidade na apertura das casas de aposta, así como as rebaixas de impostos para aquelas persoas que se encontren en réxime de alugueiro social".

O impacto das bonificacións fiscais supoñerá, explicou Lage, unha diminución de menos de 145.000 euros nas arcas municipais e asegurou que "non son necesarios os estudos económicos nas modificacións do IAE".

As modificacións establecen unha cota cero e bonificacións nos servizos de depuración, saneamento, subministración de auga potable e na taxa de lixo para as persoas con menos recursos que están en risco de exclusión social e introdúcese "o dereito humano ao acceso á auga potable".

Todas as persoas que reciban o IPREM (537 euros/mes) ou outros subsidios de menor contía non pagarán por eses servizos e taxas e quen gañe 1,5 veces o IPREM (805 euros/mes) terá unha bonificación do 75% .

Co fin de primar a redución dos residuos, o Concello bonificará nun 50% as persoas ou entidades que instalen composteiros individuais ou comunitarios.

Lage sinalou que as ordenanzas "son responsables fiscalmente ao non poñeren en risco a política de ingresos; xustas socialmente, porque bonifican as persoas que teñen menos recursos e comprometidas co medio ambiente ao primar a redución de residuos".

Coa finalidade de mellorar a xestión diaria do concello modificaranse ordenanzas como a licenza de primeira ocupación, a de cemiterios, vaos, ocupación de vías públicas e medidas de sanidade preventiva relacionadas con animais de compañía.

O Pleno deulle luz verde á ordenanza fiscal núm. 54 reguladora do imposto sobre actividades económicas co cambio de categoría fiscal do lugar de Bens-Refinería que pasa da terceira á primeira. Este cambio supón ingresos de máis de 265.000 euros, xa que a refinería pagaralle á Coruña os mesmos impostos que Arteixo.

Por outra banda, a Corporación aprobou por unanimidade o expediente de modificación do anexo de subvencións nominativas do orzamento 2019. Trátase dun simple trámite, xa que non require cambios substanciais no obxecto dos acordos, para precisar e corrixir o obxecto do convenio co fin de evitarlles problemas ás entidades á hora de xustificar os seus gastos. A pesar de tratarse dun novo modificativo, "este non implica cambios nas contas", apuntou o voceiro socialista.

Por unanimidade tamén saíu adiante a ordenanza fiscal reguladora das contribucións especiais parar ampliar o Servizo de Extinción de Incendios por un importe de 1.136.437 euros; dos cales 1.022.793,41 son aboados polo consorcio de aseguradoras a través das contribucións especiais e o resto con cargo aos orzamentos.

O Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do Concello contou co apoio da Corporación coa excepción do PP que se abstivo. Tras a exposición pública, o documento seralle enviado á Xunta para o informe preceptivo e, por último, será levado ao Pleno para a súa aprobación definitiva. O Plan deberá integrarse no Plan municipal de emerxencias que aínda está en fase de redacción.

O Goberno local anunciou, durante o debate da moción presentada polo PP, a creación dunha Mesa da Cidade Vella, na que se incluirán as propostas e achegas das distintas áreas municipais e dos grupos da Corporación co fin de impulsar con urxencia o Plan de revitalización do centro histórico. O edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, felicitou os membros da Corporación por "deixar de lado partidismos e non patrimonializar actuacións esenciais para o desenvolvemento urbanístico dunha cidade que necesita pactos para avanzar", dixo.

Doutra banda, o Goberno local quixo deixar clara a súa postura no tema dos terreos da Mestranza. Ante a moción conxunta de Marea e BNG na que se solicitaba a devolución gratuíta dos terreos ao Concello, Villoslada afirmou que o Goberno local buscará reducir a edificabilidade no ámbito das parcelas da Mestranza para lograr máis espazos públicos e zonas verdes para a veciñanza e, ao mesmo tempo, protexer o patrimonio histórico da cidade. Con todo, puntualizou que "queremos facelo en colaboración co Ministerio de Defensa e non abrir un proceso que dentro de anos supoña unha sangría económica para o Concello", en alusión á posible xudicialización do proceso de desenvolvemento urbanístico desta zona da cidade.

A moción de Ciudadanos para a creación dun Consello Municipal de Maiores logrou o apoio unánime da Corporación. Neste sentido, a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, asegurou que o Goberno traballa nun Plan de atención integral que inclúe varias medidas entre as que destaca a creación dun mapa e un censo de persoas en situación de vulnerabilidade que permita chegar a todo o mundo e "prestarlle axuda mesmo a aquelas persoas que non o solicitan". Impulsar o programa "Redeiras", solicitar a colaboración do Sergas, potenciar o traballo do voluntariado nos centros cívicos e poñer en marcha campañas de divulgación dos programas de axudas municipais son algunhas das accións que estuda a concellería.

A moción de Ciudadanos para garantir a seguridade viaria nos pasos de peóns foi aprobada por unanimidade. O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, asegurou que todas as medidas e actuacións para mellorar a seguridade viaria canalizaranse a través da Mesa pola Mobilidade e asegurou que o departamento de Infraestruturas realizou actuacións en 126 pasos de peóns. "Traballamos para recuperar a cidade para as persoas", dixo. Ademais, o Pleno comprometeuse a reforzar a iniciativa de Camiños Escolares Seguros e o programa "Paso a paso", postos en marcha polo anterior executivo.

Ademais, a moción para a defensa da igualdade de trato entre as parellas de feito e os matrimonios civís no acceso á pensión de viuvez foi aprobada cos votos do BNG, PP; PSOE e Ciudadanos e a abstención de Marea Atlántica. O Goberno local instará o Goberno a modificar a Lei da seguridade social co fin de que as parellas de feito poidan acceder á pensión de viuvez nas mesmas condicións que os matrimonios civís. Na sesión de hoxe, os nacionalistas presentaron unha moción para a defensa dos dereitos das e dos emigrantes que contou co apoio de todos os grupos a excepción do PP.

O Pleno instará a Xunta a impulsar políticas que lle aseguren o dereito a un traballo digno en Galicia á mocidade e a crear as condicións que favorezan o retorno das persoas emigrantes. Doutra banda, o Pleno por unanimidade demandarlle á Xunta que dote de máis recursos os centros de planificación e orientación familiar do Ventorrillo e Orillamar e incremente os recursos económicos destinados a loitar contra a violencia de xénero. O acordo inclúe solicitarlle ao Goberno que introduza o concepto de consentimento para mellorar a tipificación e o tratamento da violación a nivel penal para acabar con esta lacra social.

Durante o debate da moción presentada polo BNG, a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, criticou a postura dos populares e acusounos de "branquear determinados discursos". A concelleira insistiu en pedir "máis unidade de feito, non só compromisos no papel" e en poñer en marcha unha reforma do Código penal e a Lei de axuizamento, así como máis formación das/os maxistradas/os en materia de violencia machista e maior implicación do persoal docente.

Os votos do PSOE, BNG, Marea Atlántica e Ciudadanos serviron para lle dar luz verde á moción en defensa do ensino público e denunciar os recortes de profesorado para a atención á diversidade que se vive nos centros educativos da cidade. Neste sentido, o concelleiro de Educación, Jesús Celemín, pediulle ao Goberno autonómico que "non escatime esforzos nin recursos para conseguir unha educación publica de calidade".

Pola súa banda, Partido Socialista e Partido Popular rexeitaron a moción da Marea Atlántica que instaba o Goberno a impulsar unha Lei de amnistía para os presos condenados na sentenza do 14 de outubro de 2019. O portavoz do grupo municipal socialista afirmou que en "España non hai presos políticos", e que os socialistas "somos firmes defensores do Estado e da súa división de poderes". Acusou o Partido Popular de seguir "negando a plurinacionalidade de España" e advertiulless que non tolerarán "ningunha lección na defensa da Constitución".

Por último, a moción en apoio e recoñecemento ao labor que realizan en Cataluña as forzas e corpos de seguridade do Estado e Policía Autonómica foi aprobada cos votos do PP, Ciudadanos e PSOE que mostrou o seu malestar pola negativa do PP para aceptar unha emenda de Ciudadanos para condenar os actos violentos do CDR catalán. A pesar do seu apoio á moción dos populares, Lage acusou a Beatriz Mato, "de facer un mitin electoral" e lembroulle que os actos do 1 de outubro ocorridos en Barcelona foron consecuencia da pasividade do Goberno de Mariano Rajoy, que "non garantiu a seguridade da cidadanía nunha situación que se vía vir".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión