Fotografía aérea da casa do tesouro e o alxibe
O agocho perfecto
Á beira do alxibe, na primeira terraza, álzanse os cimentos da vivenda na que apareceu enterrado o Tesouro de Elviña, un dos conxuntos de ourivaría castrexa máis importantes do noroeste peninsular.
A primeira peza do tesouro apareceu durante as escavacións de 1953, nun oco situado xusto á beira do lar que quedara ao descuberto tras levantar o pavimento. Entre abundantísimos anacos de cerámica e terra atopouse o fragmento dereito dunha diadema, cerrado como se o utilizasen como pulseira.
O resto das pezas do achado apareceron ao proseguir os traballos de limpeza do oco: o anaco esquerdo da diadema (tamén cerrado como unha pulseira), as contas e o colgante dun colar, incompleto e esmagado nalgunhas zonas.
A casa do tesouro é unha construción de planta cuadrangular que parece datar de época de Augusto ou de Tiberio e que mide 7,30 metros de longo por 9 metros de ancho. Ten un chan pavimentado e muros interiores revocados con barro, que aínda se conserva nalgunhas das xuntas.
Fotografía aérea da primeira terraza, na que se atopa o alxibe.
Escondido ou perdido?
A forma de ocultar estas pezas de ouro nun agocho tan disimulado fai pensar que fosen enterradas alí para escondelas da cobiza romana.
Cando foron enterradas xa eran pezas antigas, rotas e incompletas. Por iso crese que o obxectivo era salvar o valor material, espiritual ou relixioso que tiña para os seus propietarios. O que non poderemos saber é por que quen coñecía o paradoiro deste tesouro non volveu por el a recuperalo.
Fotografía detalle da casa do tesouro
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible