Fotografía aérea da casa do tesouro e o alxibe
O agocho perfecto
A casa do tesouro é unha construción de planta cuadrangular, que mide 7,3 de longo por 0,9 m de ancho. Parece ser construída en época galaicorromana, aínda que se descoñece o momento concreto. Presenta un chan pavimentado e as paredes están revocadas con barro. A vivenda recibe este nome debido á aparición, no seu interior, do Tesouro de Elviña, un dos conxuntos de ourivaría da Idade do Ferro máis importantes do noroeste peninsular.
A primeira peza do tesouro apareceu durante as escavacións de 1953, nun buraco situado xusto á beira do fogar que quedara ao descuberto tras levantar o pavimento. Entre abundantes anacos de cerámica, atopouse o fragmento dereito dunha diadema, pechado como se o empregasen a modo de pulseira. O resto das pezas apareceron ao continuar os traballos de limpeza: o fragmento esquerdo da diadema, unha gargantilla e as contas así como o colgante dun colar, incompleto e esmagado nalgunhas zonas.
Que pasou co tesouro?
Resulta moi complexo dilucidar os motivos que levaron a depositar alí estas pezas. O lóxico, desde a nosa forma de entender o mundo, sería pensar en que alguén o escondeu coa intención de recuperalo máis tarde. Con todo, no mundo da Idade do Ferro é relativamente habitual depositar obxectos de prestixio, como foi este conxunto, nas contornas dos castros. Descoñecemos os motivos concretos, pero parece que as pezas non só eran relevantes para ensinar e portar, senón que tamén, tras a súa vida útil, eran depositadas en lugares simbólicos, probablemente como parte dalgún ritual que descoñecemos. Este feito explicaría o descoñecemento da localización destas pezas en época romana e que, afortunadamente, permanecesen alí ata os nosos días.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible