11 de diciembre de 2018
José Manuel Sande presentou ‘A noite de Chané’, que terá lugar mañá, ás 20.30 horas, no Teatro Colón. O espectáculo de homenaxe ao compositor, cuxa entrada é de balde, contará coa participación de Rosa Cedrón, Alejandro Vargas e a Coral Polifónica El Eco
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá no Pazo de María Pita A noite de Chané, unha iniciativa que propón reivindicar a figura de Xosé Castro González, Chané, un dos autores máis destacados e prolíficos da música do país. O acto, que terá lugar mañá mércores 12, a partir das 20.30 horas no Teatro Colón, servirá para dar a coñecer a biografía do autor, publicación na que colabora o Concello da Coruña, á vez que ofrece un concerto no que participarán Rosa Cedrón e Alejandro Vargas, que interpretarán temas do disco Chané na Habana, e a Coral Polifónica El Eco, fundada polo compositor galego.
O edil sinalou que esta iniciativa continúa a liña de traballo de colaboración posta en marcha o ano pasado polo Concello de colaboración tanto con aCentral Folque e outras institucións "de cara a reivindicar a figura do compositor", que se fixo efectiva a través do disco Chané na Habana e a súa presentación durante as festas de María Pita en 2017. "A proposta de mañá é un espectáculo máis que recomendable, que nos une ás raíces musicais da propia cidade", apuntou Sande. Así, presentarase a publicación Chané. O nacemento da música popular galega, de Alberto Cancela e Sixto Gómez, unha sorte de biografía que fai un percorrido detallado pola traxectoria do compositor, veciño da Coruña, e inclúe tamén partituras dalgunhas das súas obras. Tal e como explicou Ramón Piñeiro, de aCentral Folque --editora do texto--, "é un inventario fantástico que recupera partituras e pon en valor o traballo dun dos grandes nomes da música galega, infelizmente esquecido durante moitos anos".
En canto á parte musical do acto, a cantante Rosa Cedrón, acompañada polo pianista Alejandro Vargas, interpretará temas do disco Chané na Habana. "Esta será unha ocasión especial. Aínda que o público coñeza o traballo, poderá gozar da obra de Chané cun espectáculo moi íntimo e emocional, unicamente a través da voz e o piano", apuntou na rolda de prensa Cedrón, quen salientou o traballo de Vargas á hora de poñer en marcha o proxecto, "quen soubo reflectir moi ben a unión da cultura galega e cubana e manter o espírito da obra". "De estar vivo, Chané estaría moi contento e sorprendido deste traballo", aseverou. Pola súa banda, o pianista responsable da "actualización, desde o son cubano, pero respectando as harmonías e melodías", como el mesmo sinalou, avanzou que o concerto de mañá "será moi próximo ao que podería ter feito Chané, pero un século despois".
Os convites para o espectáculo A noite de Chané, que é gratuíto, pódense recoller no despacho de billetes da praza de Ourense, en horario de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas, e mañá, desde unha hora antes do inicio da iniciativa, no propio teatro da avenida da Mariña. Facilitaranse até un máximo de catro entradas por persoa.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible