Concello da Coruña

Concello da Coruña

Eclipse total de Sol 2026

Información, recomendacións e recursos sobre a eclipse total de Sol do 12 de agosto

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Cando:

12/08/2026

Horario:

A eclipse poderá verse na Coruña a partir das 19.30 horas do 12 de agosto. Alcanzará a fase de totalidade ás 20.27 horas.

O 12 de agosto de 2026 boa parte de Galicia poderá gozar dunha eclipse total de Sol á tardiña, un evento astronómico único que a última vez que se puido ver desde as nosas latitudes foi no ano 1905. Un evento tan singular require unha boa planificación, e o primeiro é saber dende onde se poderá observar, o que se pode comprobar neste mapa interactivo na web de Turismo de Galicia.

Se estás na franxa de totalidade, onde a Lúa chega a tapar por completo o disco solar, o mellor será que te despraces o mínimo indispensable. Se, pola contra, estás na zona de parcialidade, a Lúa non tapa do todo o disco solar, terás que decidir se podes (e queres) viaxar ata a zona de totalidade. Ademais, debes buscar zonas sen obstáculos no horizonte como montes, árbores ou edificios, xa que, como a eclipse ten lugar a última hora do día, o Sol atoparase bastante baixo.

Nesta ligazón tes un mapa e visores que indican desde onde será visible a eclipse dentro do Concello da Coruña, para que busques o que mellor che coincida.

As eclipses xeran moita expectación, así que cando se aproxime o momento os desprazamentos masivos cara á zona de totalidade poden provocar atascos ou restricións de tráfico. Se decides moverte dende o teu lugar de residencia, é importante ir ben equipado con comida, bebida e abrigo, e pensar en todo o que podes precisar para afrontar horas de espera.

OBSERVAR CON SEGURIDADE

Na observación de calquera eclipse é fundamental a seguridade dos nosos ollos. Podemos quedarmos cegos/as se miramos directamente ao Sol, e o perigo é moito maior se o facemos a través de prismáticos ou telescopios.

Moitas persoas utilizan lentes especiais para eclipses que se poden comprar en ópticas. Estas lentes protexen se miramos a primeira ollada, pero só se poden usar durante uns cantos segundos, e xamais se deben combinar con prismáticos ou telescopios.

O máis seguro, sobre todo se hai menores ao noso cargo, é utilizar medios indirectos de observación, como unha cámara escura feita cunha caixa de cartón ou unha retransmisión por Internet. Aquí tes un vídeo sobre como facer unha caixa de eclipse.

O máis importante é non perder o que sucede ao noso arredor: os cambios na luz ambiental, a paisaxe e o comportamento de persoas e animais. Só durante a fase de totalidade dunha eclipse podemos mirar ao Sol sen protección. Neses momentos é posible ver a parte máis externa da súa atmosfera e gozar da coroa solar.

ACTIVIDADES NA CASA DAS CIENCIAS

A eclipse non será visible dende a Casa das Ciencias pola súa localización no parque de Santa Margarida, rodeado de árbores e edificios, polo que non se realizará alí ningunha actividade o día 12 de agosto.

Pero si estamos a realizar con antelación diversas actividades divulgativas:

  • Exposición no exterior da Casa das Ciencias, no parque de Santa Margarida. Composta por dous cubos de gran tamaño, presenta oito paneis gráficos con información, imaxes e infografías que expoñen cuestións científicas, culturais e sociais relacionadas coas eclipses de Sol que poderán verse desde a Península Ibérica no 2026, 2027 e 2028. Esta exposición pode descargarse nesta ligazón por calquera persoa ou institución que estea interesada en reproducila.
  • Sesión de planetario en directo: «Vivir unha eclipse» (dirixido a persoas maiores de 10 anos). Consultar horarios na pestana «Planetario» da sección web da Casa das Ciencias

LIGAZÓNS E RECURSOS

Mapa interactivo de Turismo de Galicia

Mapa interactivo de sombras do Concello da Coruña

Visor de puntos de observación do Concello da Coruña

Vídeo sobre como construír unha caixa de eclipse

Exposición sobre eclipses

Aplicación web con mapas e información puntual para calquera localización

Mapa con información detallada das fases da eclipse para a localización que queiramos

Web con información diversa sobre a triada de eclipses na península Ibérica

Páxina oficial do IGN sobre as eclipses de 2026 (T), 2027(T) e 2028(A)

Aplicación para programar composicións coa paisaxe, a Lúa ou o Sol

Programa web para simular un planetario

Novidades

Noticias

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión